A conselleira de Educación en funcións visitou tamén o CEIP Plurilingüe O Ruxidoiro, en Barbadás

Carmen Pomar e Manuel Baltar comproban o avance das obras do Centro Galego de Innovación en Formación Profesional

Está previsto que o centro, que supón un investimento de 9,9 millóns de euros, abra as súas portas ao longo do curso 2020/2021

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2020

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional en funcións, Carmen Pomar, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, comprobaron hoxe o bo avance das obras do Centro Galego de Innovación en Formación Profesional, en Ourense. Neste momento están xa completas as tarefas de demolición previstas e estanse rematando as de reforzo da estrutura. Está previsto que o centro, que suporá un investimento total de 9,9 millóns de euros en colaboración entre a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, abra ao longo do curso 2020/2021.

O edificio, que ocupa o espazo da antiga Escola Fogar de Mariñamansa, conta cunha superficie de 2.600 metros cadrados que se están a repartir de forma diáfana, con particións flexibles que permitan espazos intercambiables segundo as distintas necesidades de usos. Trátase, ademais, dunha construción eficiente desde o punto de vista enerxético, dado que contará cunha cuberta superior vexetal, sobre a que se estenderá a instalación solar fotovoltaica do edificio e na que haberá áreas para situar toda a maquinaria de instalacións que se poidan precisar.

O Centro Galego de Innovación en Formación Profesional estará composto por catro áreas de traballo similares, flexibles e adaptables en función das necesidades de traballo en cada momento.

Vangarda e emprendemento

Tal e como sinalou Carmen Pomar, o centro vai ser o motor de vangarda da Formación Profesional, desde Ourense para toda Galicia, así como un impulsor do emprendemento. Neste sentido, vai contar con dúas coordinacións técnicas, unha centrada na I+D+i, con áreas que traballarán en metodoloxías para á industria 4.0, o Internet das cousas ou as patentes; mentres que a outra o estará en emprendemento industrial, departamento que se encargará do asesoramento, seguimento, orientación e impulso dos proxectos, coa previsión de abrir o primeiro viveiro industrial de FP.

O obxectivo é avanzar nunha FP adaptada á industria 4.0 para que as empresas poidan contar con persoal cualificado, impulsando desde o Centro Galego de Innovación en Formación Profesional proxectos de innovación aplicada, novas contornas virtuais de simulación, de xeración e proxectos empresariais e de transferencia aplicada de patentes; que estarán ao servizo de todos os centros que imparten Formación Profesional en Galicia.

Ademais, o centro vai traballar en colaboración co Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico-INORDE para a creación de sinerxías co sector produtivo e favorecer a transferencia de coñecemento dos centros á industria.

CEIP O Ruxidoiro

A conselleira de Educación en funcións visitou tamén esta mañá o CEIP Plurilingüe O Ruxidoiro, en Barbadás, onde comprobou as medidas que se están a tomar para iniciar o novo curso escolar, coas adaptacións indicadas no protocolo covid-19.

Neste sentido Pomar agradeceulle á comunidade educativa do centro o esforzo adicional que está a realizar para poder volver á presencialidade no novo curso 2020/2021, garantindo as mellores condicións de seguridade sanitaria para todas e todos na actividade lectiva.

Imaxes relacionadas