Preto de 30 pemes galegas xa solicitaron axudas á convocatoria para a fabricación de produtos de prevención e loita contra a covid-19 nos eidos laboral e sanitario

Esta liña de apoios da Consellería de Economía, Emprego e Industria, permanece aberta ata o 30 de setembro

Con achegas que poden acadar ata 800.000€ por iniciativa, os proxectos presentados ata o de agora poderían acadar unha mobilización de 13,2M€

Autónomos e microempresas galegas tamén poden solicitar ata o vindeiro 30 de outubro a liña de microcréditos que a Xunta aprobou para inxectar liquidez ás empresas e negocios máis pequenos

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2020

Un total de 28 pemes galegas xa solicitaron as axudas do programa para a fabricación de produtos de prevención e loita contra a covid-19, que permanece aberto ata o vindeiro 30 de setembro. Esta liña de apoios que puxo en marcha a Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Igape está dotada con 5 millóns de euros e ten como obxectivo contribuír ao incremento da prevención tanto a nivel sanitario como en materia de seguridade e saúde laboral.

Con achegas que poden acadar ata 800.000 euros por iniciativa, os proxectos deben ter un custo subvencionable igual ou superior a 100.000 euros. Os que foron presentados ata o de agora poderían acadar unha mobilización de 13,2 millóns de euros. As axudas, que se conceden en réxime de concorrencia non competitiva, cobren o 75% dos investimentos que realicen as pequenas e medianas empresas para a fabricación dos seguintes materiais: medicamentos -incluídas as vacinas- e tratamentos contra a covid-19, produtos intermedios, ingredientes farmacéuticos activos e materias primas necesarias para a súa elaboración; produtos sanitarios, equipos hospitalarios e médicos -incluídos respiradores, roupa e equipos de protección e ferramentas de diagnóstico-, e as materias primas necesarias; desinfectantes; e ferramentas de recollida e/ou tratamento de datos.

De feito, xa se concedeu a primeira das axudas a esta liña: 800.000 euros a Grafoplás del Noroeste (Culleredo, A Coruña), que ten previsto mobilizar ata 1,25 millóns de euros e crear entre oito e 20 postos de traballo co obxectivo de fabricar ao día 283.000 máscaras cirúrxicas e FPP2. Ademais deste apoio, hai que sumar os xa concedidos polo Comité de fabricación a 47 iniciativas que mobilizan 5 millóns de euros, dos que a Xunta achega 2,5 millóns. En total, a Consellería de Economía, Emprego e Industria dispón de 7 millóns de euros para axudar ás pemes na fabricación de medios de protección fronte á covid-19 e na súa reorganización produtiva.

Liña de microcréditos

Por outra banda, autónomos e microempresas galegas (menos de dez traballadores e menos de 10 millóns de euros de balance ou de cifra de negocios) tamén poden solicitar ata o vindeiro 30 de outubro a liña de microcréditos que a Xunta aprobou para inxectar liquidez ás empresas e negocios máis pequenos. As contías oscilan entre os 3000 e os 20.000 euros para cada negocio con xuros bonificados ao 100 por cento pola Xunta, cun prazo de duración máxima de cinco anos e un ano de carencia como tope.

A iniciativa, dotada con 6,1 millóns de euros de orzamento e coa previsión de mobilizar ata 50M€, desenvólvese en colaboración coas sociedades de garantía recíproca (SGRs). Ata o momento, lévanse presentado 31 solicitudes no Igape.

Plan de reactivación económica

Estas medidas forman parte do Plan de reactivación económica de Galicia, que ten como obxectivos fundamentais recuperar a economía da Comunidade, facilitar a transformación do tecido empresarial galego –pensando sobre todo nos autónomos, microempresas e pemes–, xerar emprego nos sectores máis golpeados pola covid-19 e fortalecer os servizos públicos que reciben os cidadáns.

Imaxes relacionadas