Educación comproba que o CEIP Lope de Vega está preparado para ofrecer o servizo de comedor coas mellores garantías

O xefe territorial, César Pérez Ares, achegouse a este centro escolar para comprobar de primeira man a adaptación deste colexio ao protocolo fronte á COVID -19

Recorda que o Lope de Vega é o colexio vigués con maior número de comensais en Infantil e Primaria e felicita o equipo directivo pola súa implicación e organización

Vigo, 24 de agosto de 2020

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional representada polo seu xefe territorial, César Pérez Ares, mantén as visitas que se están a realizar aos centros públicos da provincia co obxectivo de coñecer de primeira man a organización dos equipo directivos para adaptarse ás medidas que marcan o Protocolo fronte á COVID-19.

A finalidade, tal e como destacou Pérez Ares, non é outra que garantir un inicio de curso seguro a nivel sanitario e dentro da máxima normalidade posible no marco actual. E neste contexto, aproveitou para lanzar unha mensaxe de tranquilidade aos pais e nais de cara o comezo das clases, pois sinalou que a implicación e organización dos equipos directivos dos centros “está a ser exemplar”.

Nestes termos manifestouse coincidindo cunha visita ao CEIP Lope de Vega, do que recordou que ofrece o maior servizo de comedor de entre os centros públicos da cidade de Vigo con 499 comensais a diario. Segundo dixo, os nenos e nenas comeran por quendas gardando en todo momento a distancia de seguridade e ofrecendo todas as garantías sanitarias que se recollen no devandito protocolo, cunha distribución deseñada para tal fin por parte da dirección deste centro.

Neste senso, o xefe territorial autorizou a flexibilidade horaria proposta polo centro escolar, a desescalada de entradas e saídas e o uso de espazos comúns co obxectivo de cumprir coas indicacións das autoridades sanitarias.

Segundo dixo, o CEIP Lope de Vega conta cun plan de continxencia no que se recolle de forma exhaustiva a redistribución de espazos e as medidas a adoptar a nivel de grupos, os medios de protección, a limpeza, o uso de espazos ou o protocolo de actuación en caso de detectarse algunha incidencia.

Con todo, Pérez Ares lembrou que o propio Protocolo xa especifica que todas as medidas nel recollidas poden ser obxecto de revisión continua en función da evolución do risco sanitario e das decisións que adopten as autoridades sanitarias autonómicas e estatais. Polo tanto estas medidas iranse actualizando cando sexa necesario, se os cambios na situación epidemiolóxica así o requiren e sempre seguindo as indicacións das autoridades sanitarias.

Imaxes relacionadas