A Xunta remata a senda peonil na contorna do núcleo de Ponte Ledesma, no Concello de Boqueixón, mellorando a mobilidade dos veciños e a seguridade viaria

A actuación supuxo un investimento autonómico de máis de 48.000 euros

Executouse un itinerario de 300 metros na marxe dereita da estrada AC-960, que crea unha zona peonil independente do tráfico rodado

Na intervención incluíuse o acondicionamento dunha parada de autobús e a instalación dun novo refuxio

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras de construción dunha senda peonil na estrada AC-960, na contorna do núcleo de Ponte Ledesma, no concello de Boqueixón, mellorando a mobilidade dos veciños e a seguridade viaria.

Esta actuación, que supuxo un investimento autonómico de máis de 48.000 euros, foi executada pola empresa Martínez Montes e Hijos, S.L.

Os traballos consistiron na execución dun itinerario peonil de 300 metros de lonxitude na marxe dereita desta estrada de titularidade autonómica, entre os puntos quilométricos 15+970 e 16+270, dotándoa dunha zona peonil independente do tráfico rodado.

A senda ten unha anchura de 1,80 metros, con pavimento de formigón en cor. No contacto coa calzada dispoñe de bordos de formigón.

Na intervención incluíuse o acondicionamento dunha parada de autobús e a instalación dun novo refuxio.

Tamén se construíu unha nova condución de pluviais, cos seus correspondentes pozos de rexistro.

Esta obra executada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, enmarcase nas actuacións para impulsar unha mobilidade máis saudable e sustentable ao tempo que se atende a criterios de integración paisaxística e ao reforzo da seguridade viaria.

Imaxes relacionadas