A Xunta rexistra máis de 1600 solicitudes para obter o Cheque Dixital, que aínda se pode pedir ata o 30 de setembro

Das solicitudes presentadas ata o de agora, a Consellería de Economía, Emprego e Industria resolveu máis de 300 de xeito favorable por unha contía superior a 1,4 millóns de euros

O obxectivo é que o sector do comercio, as pemes e os autónomos poidan incorporar as novas tecnoloxías para reforzar a súa actividade, prestando especial atención ao tecido empresarial situado no ámbito rural, á economía social e ao fomento do teletraballo

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2020

O Cheque Dixital, unha das liñas de axuda activadas pola Xunta para apoiar o sector do comercio, os autónomos e as pemes, leva contabilizadas neste momento máis de 1600 solicitudes. Estas axudas da Consellería de Economía, Emprego e industria foron convocadas o pasado 19 de xuño e aínda se poden pedir ata o vindeiro 30 de setembro.

Cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), están dotadas cun orzamento de 7 millóns de euros e, das solicitudes presentadas ata o de agora, máis de 300 xa foron resoltas de xeito favorable por unha contía superior a 1,4 millóns de euros. O obxectivo é que o sector do comercio, as pequenas e medianas empresas e os autónomos poidan incorporar as novas tecnoloxías para reforzar a súa actividade no actual contexto económico, prestando especial atención ao tecido empresarial situado no ámbito rural, á economía social e ao fomento do teletraballo.

Deste xeito, esta liña de apoios vai destinada a microempresas, entidades de economía social e agrupacións empresariais. Cobre o 80% dos investimentos realizados en proxectos que teñan como obxecto a implementación de tecnoloxías dixitais para a adaptación á situación provocada pola covid-19, como o teletraballo, as solucións de conectividade no eido rural, ou sistemas de notificación e de control sanitario e aforo, entre outros mecanismos. As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e os gastos realizados deberán ser dun mínimo de 1500 euros e un máximo de 12.000 euros.

Plan de reactivación económica

Esta liña de apoios forma parte do Plan de reactivación económica que ten en marcha o Goberno galego. O obxectivo é facilitar a recuperación do tecido produtivo e que poida incrementar a súa competitividade, adaptándose ao novo contexto económico derivado da covid-19.

Imaxes relacionadas