Máis de 90 intérpretes participan nas audicións do Centro Dramático Galego para as súas tres novas producións propias

A compañía da Xunta elaborou xunto co servizo de prevención de riscos un protocolo específico para cada unha das probas que, distribuídas en diferentes quendas, se desenvolverán no Salón Teatro de Santiago desde mañá luns

Ademais dos textos específicos para as interpretacións, os aspirantes recibiron as indicacións hixiénico-sanitarias que deberán respectar neste proceso de selección para os espectáculos ‘O charco de Ulises’, ‘Terceiro acto’ e ‘Serva me servabo te’

Os participantes superaron unha primeira fase de valoración do seu perfil artístico de carácter profesional, á que concorreron preto de 350 candidatos

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2020

O Centro Dramático Galego (CDG) desenvolverá desde mañá luns 24 ata o venres ao 28 de agosto as probas de interpretación para seleccionar as 20 actrices e actores que integrarán os elencos das súas tres próximas producións propias: O charco de Ulises, dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, Terceiro acto, por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, e Serva me, servabo te, por Belén Bouzas, Fran Martínez e Diego M. Buceta. Nelas participarán os 92 intérpretes que superaron unha primeira fase de valoración dos perfís artísticos de carácter profesional, á que concorreron 348 candidatos.

A compañía teatral da Xunta de Galicia levará a cabo un estrito protocolo de seguridade, elaborado xunto co servizo de prevención de riscos, con medidas específicas para cada unha das probas, que terán lugar en diferentes quendas desde as 10,00 ás 22,00 h. para limitar o número de persoas coincidentes no escenario e no resto de instalacións da súa sede no Salón Teatro de Santiago.

Así, ademais dos textos para as respectivas audicións, o CDG envioulles aos participantes as indicacións que deberán respectar durante todo o proceso e que, xunto coas normas sanitarias xerais sobre o uso de máscaras, hixiene de mans ou control da temperatura, establecen medidas concretas para a desinfección, ocupación e tránsito nos espazos comúns, limpeza de solas na entrada ou cambio de roupa para o acceso ao escenario, entre outras. Estanse a realizar tamén test previos no caso dos aspirantes que, por razón e idade, se atopan entre a poboación máis vulnerable fronte á covid-19.

Dos candidatos que superaron a primeira fase, 50 aspiran a formar parte do elenco de 10 intérpretes que levará ás táboas O charco de Ulises, mentres que 18 participarán nas probas para Terceiro acto e 25 nas de Serva me, servabo te. Nos tres casos, avaliarase tanto a interpretación textual, xestual e a adecuación aos roles, como a capacidade de integración no traballo coral, coreográfico e de manipulación de elementos.

Imaxes relacionadas