A Xunta apoia ao sector cultural a través do ciclo de concertos 'Mercados no Camiño' en Vigo

Está financiado a través do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, unha das principais medidas do Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiu ao recital de Diego Caride & DJ Chimo no mercado do Progreso

Vigo, 22 de agosto de 2020

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe ao ciclo de concertos Mercados no Camiño, que se desenvolve hoxe e o vindeiro sábado 29 en mercados emblemáticos da zona. O director xeral estivo presente no concerto de Diego Caride & DJ Chimo que se celebrou no mercado do Progreso.

Este ciclo está financiado a través do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia, unha das principais medidas que contempla o Goberno Autonómico no Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico fronte a crise sanitaria.

Co apoio a este ciclo de concertos, o Goberno autonómico está a axudar por un lado a preservar a actividade e o emprego de grupos musicais e empresas do sector cultural que, debido á crise sanitaria da Covid19, viron minoradas as súas actuacións e por outro lado busca potenciar os mercados tradicionais destacando os seus produtos e fortalezas, así como a súa vinculación ao itinerario do Camiño de Santiago que pasa por cada un deles.

Hoxe tamén actuaron no mercado das Travesas os Hermanos Cunha. O vindeiro sábado ás 12,00 h. será a quenda do Grupo Insieme Al son cubano no mercado de Teis e o do grupo folk Caldo no mercado do Calvario.