Estas actuacións enmárcanse nas tarefas realizadas en máis de 30 vías autonómicas das 4 provincias, para contribuír a previr lumes e reforzar a seguridade

A Xunta continúa os traballos de roza e limpeza nas marxes das estradas autonómicas das comarcas de Noia, Fisterra, Ferrol, Terra Chá e Ourense

A vindeira semana seguirán as actuacións na estrada AC-554, en Outes; na AC-445, en Corcubión, Cee e Fisterra; na VG 1.2, en Ares e Mugardos; na CG 2.2, en Lugo e no Corgo; ou na conexión da autovía A-52 coa N-525, en San Cibrao das Viñas

Ao longo de agosto rematáronse os traballos na estrada AC-523, na Laracha; na autovía AG-64, en Vilalba e Xermade; ou na PO-254, en Ponteareas, entre outras

Estas actuacións, desde o seu inicio en maio, xa se acometeron en vías da provincia de Ourense e nas contornas da Mariña luguesa, do Baixo Miño ou Vigo

As actuacións céntranse na retirada de especies pirófilas e nas rozas nas marxes das estradas, así como no acondicionamento das sendas para o tránsito peonil

Os obxectivos destes labores son potenciar o efecto cortalumes das estradas, aumentar a seguridade viaria e fomentar a mobilidade segura e sustentable

Santiago de Compostela, 22 de agosto 2020

A Xunta continúa os traballos de roza e limpeza nas marxes de estradas autonómicas das comarcas de Noia, Fisterra, Ferrol, Terra Chá e Ourense.

A vindeira semana seguirá o desenvolvemento destas tarefas en estradas como a AC-554, en Outes; a AC-445, en Corcubión, Cee e Fisterra; na VG 1.2, en Ares e Mugardos; na CG 2.2, en Lugo e no Corgo; ou na conexión da autovía A-52 coa N-525, en San Cibrao das Viñas.

Ao longo do mes de agosto rematáronse este tipo de obras na estrada AC-523, na Laracha; na autovía AG-64, en Vilalba e Xermade; na PO-254, en Ponteareas; na PO-255, en Pontecaldelas; ou na PO-252, ao seu paso por Mondariz.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando dende maio o acondicionamento nas franxas de dominio público en máis de 30 vías autonómicas das catro provincias, para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

Estas actuacións xa se levaron a cabo nas marxes de vías autonómicas da provincia de Ourense e nas contornas da Mariña luguesa, do Baixo Miño, Vigo ou Ferrol.

As tarefas céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, co fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas, pensando xa no incremento de uso que experimentan no verán.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.

Imaxes relacionadas