A Xunta informa a comerciantes e artesáns das novas axudas por 330.000€ para participar en feiras e eventos en liña

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, interveu nun webinario sobre o novo programa de apoio, ao cal poderán presentarse solicitudes ata o vindeiro 30 de setembro

A través desta iniciativa tamén se impulsa a realización ou participación en feiras de artesanía celebradas de xeito presencial

Poden beneficiarse tanto os obradoiros de artesanía como os concellos, asociacións profesionais de artesáns e comerciantes retallistas

Este programa compleméntase con outras iniciativas, como o cheque de dixitalización, que conta con apoios de ata 9.600 euros

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2020

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou hoxe nun webinario no que informou a comerciantes e artesáns sobre as novas axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar a comercialización dixital, facilitando así a adaptación aos novos hábitos de consumo e ao actual contexto xerado pola covid-19.

A iniciativa, que conta cun orzamento de 330.000 euros, contempla apoios de ata 8000 euros por iniciativa (cun máximo de dúas iniciativas por beneficiario) para a organización de eventos como tendas efémeras, plataformas de market place, feiras ou calquera outro tipo de evento comercial celebrado en liña. Para os participantes neste tipo de actuacións, as axudas poderán alcanzar un total de 6000 euros.

Ademais, dentro da convocatoria, á cal poderán presentarse solicitudes ata o 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito, tamén se contemplan apoios para actuacións de comercialización física, con ata 8.000 euros para a participación en feiras artesanais ou ata 30.000 euros para a organización destes encontros, dependendo do tipo de solicitante.

Poden beneficiarse das axudas, en concorrencia non competitiva, obradoiros artesáns, asociacións profesionais do sector, e concellos e, no caso de axudas para a comercialización dixital, comerciantes retallistas que empreguen a menos de 20 traballadores. Poderán solicitar anticipos de ata o 50% do importe da axuda, que pode financiar ata o 80 por cento do investimento subvencionable.

Este programa compleméntase con outras iniciativas, como o cheque de dixitalización, que se pode solicitar ata o 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito e que conta con apoios de ata 9.600 euros para que o sector do comercio, as pequenas e medianas empresas e os autónomos poidan incorporar as novas tecnoloxías para reforzar a súa actividade no actual contexto económico, prestando especial atención ao tecido empresarial situado no ámbito rural, á economía social e ao fomento do teletraballo.

Imaxes relacionadas