O director xeral de Defensa do Monte presidiu no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón), a reunión do Comité de Coordinación Policial Antiincendios

A Xunta valora o reforzo que supón a incorporación do Exército ás tarefas de vixilancia, persecución e disuasión dos incendiarios

Deste xeito, as forzas armadas súmanse aos traballos que levan a cabo a Xunta e os Corpos de Seguridade do Estado

O Goberno galego lembra que nestes labores participan uns 7.000 profesionais, apoiados por 120 cámaras, 360 motobombas, unha trintena de medios aéreos e drons que conforman o groso do dispositivo contra os lumes forestais

A Administración autonómica apela á colaboración cidadá para intensificar a presión sobre os incendiarios e destaca que este esforzo está a dar resultados, coa recente posta a disposición xudicial de dous presuntos delincuentes

Boqueixón (A Coruña), 21 de agosto de 2020

O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, presidiu esta mañá no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón) unha nova xuntanza do Comité de Coordinación Policial Antiincendios. Este órgano ten como principal finalidade reforzar a colaboración entre a Xunta, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado que operan en Galicia e as Forzas Armadas para vixiar, perseguir e disuadir a actividade incendiaria.

Segundo explicou o director xeral, o Comité avaliou a recente incorporación do Exército, a través da Operación Centinela, a estas tarefas, mediante un despregue de 27 patrullas militares polo territorio galego, prestando especial atención a aquelas zonas con maior actividade incendiaria. Neste sentido, Fernández-Couto destacou que a presenza do Exército no monte “é un factor fundamental de vixilancia e disuasión desa actividade delituosa”, algo que constitúe unha prioridade para a Xunta, aseverou.

Nesta mesma liña, o titular de Defensa do Monte sinalou que o Goberno galego mantén “a garda alta”, intensificando o control sobre os montes con medios humanos e materiais, a través dun dispositivo que rolda os 7.000 efectivos mobilizados, contabilizando tanto os medios da propia Xunta como os dos concellos, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Ministerio de Defensa, etc.

Despregue material

Tomás Fernández-Couto dixo tamén que todo este esforzo está apoiado, ademais, nun “importante despregue material e técnico”. Así, lembrou que están despregadas nos diferentes distritos forestais un total de 360 motobombas, así como unha trintena de medios aéreos, aos que se suman os aparellos non tripulados (drons). A maiores, existen 120 cámaras que vixían os montes e que permiten localizar comportamentos sospeitosos e tamén facer un seguimento da evolución dos incendios. Con elas está monitorizado arredor do 60% do territorio galego.

O director xeral apelou unha vez máis á colaboración cidadá na loita contra os incendios, unha cooperación que -dixo- a Xunta facilita mediante diferentes vías, entre elas o teléfono específico para alertar dun incendio, o 085, e o número anónimo, confidencial e gratuíto para denunciar actividades incendiarias: 900 815 085.

Fernández-Couto advertiu que todo este labor das administracións públicas e da cidadanía está a dar resultados positivos, como a posta a disposición xudicial de dous presuntos incendiarios nos últimos días, e concluíu que “estamos vixiantes e moi atentos ao que pasa nos nosos montes e seremos implacables de cara a frear aos incendiarios e poñelos a disposición xudicial”. “Que ninguén se leve a engano: temos os ollos postos sobre a nosa riqueza forestal e imos seguir sendo contundentes na loita contra os delincuentes que a poñen en risco, así como ás persoas e aos bens”, remarcou.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural