A Xunta inicia as obras de mellora dos aparcamentos e das vías de acceso aos hospitais de Ferrol

Estas actuacións nas contornas dos hospitais Naval, Arquitecto Marcide e Nóvoa Santos supoñen un investimento de 200.000 euros e teñen un prazo de 5 meses

No Hospital Naval renovarase o firme do vial perimetral e actuarase en 5000 m2 dos aparcadoiros e nos outros dous centros rehabilitaranse os treitos deteriorados

A execución das obras está coordinada co Sergas para respostar ás necesidades das instalacións e interferir o menos posible na actividade hospitalaria

A intervención enmárcase nos contratos que está a impulsar a Xunta nos hospitais galegos, cun investimento de 1 millón de euros nos centros públicos da provincia

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2020

A Xunta vén de iniciar as obras de mellora dos aparcamentos e as vías de acceso aos hospitais de Ferrol.

Estas actuacións nos accesos aos hospitais Naval, Arquitecto Marcide e Nóvoa Santos, supoñen un investimento de 200.000 euros e dispoñen dun prazo de execución de 5 meses.

As obras forman parte do contrato máis amplo co que se impulsan acondicionamentos similares nas contornas de centros hospitalarios públicos da provincia, cun investimento global de 1 millón de euros.
No caso de Ferrol, os traballos céntranse nos viarios e aparcamentos, fundamentalmente na renovación do firme e na reparación das beirarrúas deterioradas.

O obxectivo das obras é reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade nos contornos destes hospitais, favorecendo a mobilidade, tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario que se achega cada día ás instalacións destes hospitais ferroláns.

As obras no Hospital Naval implicarán a renovación do firme do vial perimetral, de preto de 1 km de lonxitude, ademais de actuar sobre uns 5000 m2 dos aparcamentos. No caso dos hospitais Arquitecto Marcide e Nóvoa Santos, as actuacións prevén a renovación do firme nos treitos máis deteriorados.
Ademais a intervención inclúe a mellora da sinalización interior e exterior dos tres hospitais.

A execución destes traballos está coordinada cos responsables do Sergas, analizando as necesidades de actuacións, polo que as obras realizaranse de xeito compatible cos equipos técnicos sanitarios para interferir o menos posible na actividade hospitalaria.

No caso concreto das actuacións no centro hospitalario Arquitecto Marcide serán coordinadas coas obras de ampliación que están en execución dende o pasado outono.

Imaxes relacionadas