A Xunta inicia as obras de mellora do firme de 3 estradas autonómicas que vertebran as comunicacións con Monforte de Lemos

Estes traballos contan cun investimento autonómico de máis dun millón de euros e un prazo de execución de 6 meses

Acondicionarase o firme na vía de altas prestacións VG-2.1 e na LU-933 en Monforte, así como na LU-546, ao seu paso polo Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria

Este contrato tamén inclúe a rehabilitación da capa de rodaxe na estrada LU-722, en Navia de Suarna

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar as obras de reforzo do firme en tres estradas autonómicas que vertebran as comunicacións con Monforte de Lemos.

Esta intervención, cun investimento de máis dun millón de euros, conta cun prazo de execución de 6 meses.

Este contrato suporá a mellora de diferentes treitos da vía de altas prestacións VG-2.1 de Monforte; da LU-933 neste mesmo concello; e da LU-546 (vía que conecta Nadela con Monforte) ao seu paso polos municipios do Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria. Tamén se prevé a rehabilitación do firme da LU-722 en Navia de Suarna.

Na VG-2.1 actuarase en toda a lonxitude da vía, de preto de 3 quilómetros, para realizar unha renovación completa da capa de rodaxe na calzada e nas beiravías.

Na estrada LU-933 está previsto mellorar o firme coa extensión dunha nova capa de rodaxe ao longo de cinco quilómetros entre Monforte e Bascós, incluído o treito urbano dentro da localidade monfortina. Tamén se realizará unha limpeza de gabias e noiros.

Pola súa banda, na LU-546 actuarase nuns 10,7 quilómetros e o proxecto contempla o reforzo localizado do firme, mediante a realización de fresados a carril completo, e a extensión dunha nova capa de rodaxe en carrís e beiravías.

Finalmente, na estrada LU-722, que conecta Navia con Becerreá e a autovía A-6, actuarase no seu tramo final. En concreto, desde a saída da Pobra de Navia, capitalidade municipal ata o cruzamento coa vía provincial LU-P-3502.

En todas as estradas está previsto completar as actuacións de mellora do firme coa execución posterior de tarefas de reposición e renovación da sinalización horizontal e balizamento.

Imaxes relacionadas