A conselleira do Mar en funcións visitou ás mariscadoras da confraría de pescadores de Muros

Os profesionais do marisqueo a pé de Galicia teñen á súa disposición máis de 5,2 millóns de euros en axudas para compensar a súa inactividade pola covid-19

O ‘Diario Oficial de Galicia’ vén de publicar a convocatoria de achegas para as mariscadoras e mariscadores que paralizaron a súa actividade entre o 16 de marzo e o 30 de xuño e que non se beneficiaron da prestación extraordinaria por cese de actividade habilitada polo Goberno central

Rosa Quintana detallou que as contías por cada xornada non traballada serán de 75 euros para o marisqueo xeral, de 91 euros para os titulares de permisos de percebe e de 57 euros para os de extracción de poliquetos, fronte ao importe xeral de 50 euros por día que pretendía establecer o Executivo estatal

Esta medida enmárcase no plan ‘Avantemar’ deseñado pola Xunta para reactivar o complexo mar-industria da comunidade trala pandemia e que conta cun orzamento de 77 millóns de euros para 2020 e 14 millóns para 2021

Muros (A Coruña), 19 de agosto de 2020

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, visitou hoxe ás mariscadoras e mariscadores da confraría de pescadores de Muros durante a súa xornada de traballo, onde lles trasladou que o Diario Oficial de Galicia vén de publicar as bases reguladoras e a convocatoria de axudas para os profesionais do marisqueo a pé que se viron afectados polo cese temporal da actividade como consecuencia da alerta sanitaria polo coronavirus.

A representante do Executivo galego detallou que esta liña de achegas conta un orzamento de algo máis de 5,2 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), co obxectivo de compensar ás mariscadoras e mariscadores que viron como a demanda dos seus produtos e os prezos en primeira venda caían como consecuencia do peche efectivo da hostalaría durante o estado de alarma, o que levou á paralización da actividade marisqueira no marco da maioría dos plans de xestión existentes na comunidade.

Poderán beneficiarse destas achegas as persoas titulares de permisos de explotación para marisqueo a pé de recursos marisqueiros xerais ou específicos que non sexan beneficiarias da prestación extraordinaria por cese de actividade habilitada polo Goberno central para facer fronte ao impacto da pandemia. Precisamente, a Xunta incluíu estas axudas no seu plan Avantemar, de reactivación e dinamización do eido marítimo-pesqueiro trala alerta sanitaria, coa finalidade de apoiar aos profesionais do sector marisqueiro que non se vían beneficiados polas medidas deseñadas polo Executivo estatal.

A titular de Mar en funcións detallou que esta liña de apoios pretende paliar os efectos da paralización temporal da actividade do marisqueo a pé entre o 16 de marzo e o 30 de xuño deste ano, polo que poderán acceder ás achegas aquelas persoas que teñan unha actividade extractiva (días de traballo) neste período inferior á media de actividade no mesmo espazo de tempo dos tres exercicios anteriores (2017-2019). Enténdense como días de parada subvencionable a diferencia entre os días de actividade media nos tres anos anteriores a 2020 menos os días de actividade realmente desenvolvida no período referido do presente exercicio.

A orde tamén establece que a contía da achega por día de parada será equivalente ao 90% do nivel de ingresos medio da actividade extractiva a pé por colectivo (marisqueo xeral, percebe e poliquetos) entre o 16 de marzo e o 30 de xuño dos tres anos anteriores a 2020. De acordo con eses datos, as contías por xornada de inactividade son de 75 euros para os profesionais do marisqueo xeral, 91 euros para os de extracción de percebe e 57 euros para os de poliquetos. Mentres, os titulares de permisos de explotación para recursos específicos diferentes a percebe e poliquetos considéranse como marisqueo xeral. Trátase de contías que, lembrou a conselleira do Mar en funcións, están por enriba dos 50 euros por día que o Executivo central pretendía establecer de xeito xeral para este colectivo.

Estas achegas pretenden compensar unha situación que, como consecuencia da caída da comercialización cara a canle Horeca, supuxo unha importante perda de ingresos para os diferentes colectivos. No caso do marisqueo a pé dedicado a recursos xerais o descenso da facturación por primeira venda entre o 16 de marzo e o 31 de maio foi do 75% respecto ao mesmo período do ano anterior, unha porcentaxe que superou o 90% no primeiro mes e medio do estado de alarma. Mentres, os percebeiros a pé viron como os seus ingresos caían un 80% ata o 30 de abril, fronte ao 70% de media ata finais de maio, e os profesionais dedicados á extracción de poliquetos perderon arredor do 90% dos seus ingresos durante o estado de alarma.

O plan ‘Avantemar’

A titular de Mar en funcións subliñou que os apoios ao sector marisqueiro se enmarcan na modificación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca -adaptado para facer fronte aos efectos da pandemia e que permite a concesión de axudas pola paralización temporal das actividades pesqueiras- e inclúense nun plan máis amplo do Executivo galego, o plan Avantemar, que conta cun orzamento de 77 millóns de euros para 2020 e 14 millóns para 2021 co obxectivo de reactivar o antes posible o complexo mar-industria da comunidade.

As medidas incluídas neste programa de impulso do sector buscan que a cadea mar-industria de Galicia volva o antes posible aos niveis de actividade previos á alerta sanitaria e que ninguén quede atrás no camiño. Por iso, pon especial atención naqueles profesionais e entidades que, coma neste caso, non se benefician das medidas deseñadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ao abeiro da reforma do FEMP para axudar aos afectados pola crise do coronavirus.

Imaxes relacionadas