A Xunta publica no DOG a aprobación dos expedientes de información pública do proxecto de mellora de seguridade e da nova senda na estrada AC-840, no Concello de Oza- Cesuras

O investimento autonómico previsto nas obras supera os 429.000 euros, incluíndo o pagamento dos terreos necesarios para a súa execución

Executarase un itinerario peonil e ciclista na marxe dereita da estrada, desde o punto quilométrico 5+444, en Porzomillos, ao 6+72, prolongado ata a gasolineira

Tamén se reordenará a intersección do punto quilométrico 6+000 da mesma estrada para facilitar as incorporacións desde Carraceda á vía autonómica e viceversa

Disporanse carrís de aceleración e deceleración e dous centrais de espera, permitindo os xiros á esquerda para incrementar a seguridade dos condutores

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2020

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as resolucións polas que se aproban os expedientes de información pública do proxecto de mellora de seguridade na estrada AC-840, en Oza- Cesuras, que inclúe unha nova senda e a reforma dunha intersección.

Nos seguintes enlaces ao DOG pódese ampliar a información relativa a estes anuncios: https://bit.ly/3h9sLXy https://bit.ly/2YdYe3m

O investimento autonómico nestas dúas actuacións superará os 429.000 euros, contemplando o pagamento das fincas necesarias para a súa execución.

Por unha parte, executarase un itinerario peonil e ciclista na marxe dereita da estrada AC-840, desde o punto quilométrico 5+444, en Porzomillos, ao 6+72, prolongado ata a gasolineira, antes de Oza dos Ríos.

Trátase dunha senda de case 1,3 km de lonxitude, en formigón coloreado e separado da calzada por unha cuneta e unha banda axardinada.

Por outra parte, levarase a cabo a reordenación da intersección situada no punto quilométrico 6+000 da mesma estrada.

Esta intervención facilitará as incorporacións desde o camiño de Carraceda á AC-840 e viceversa, en condicións de maior seguridade.

Para acadar este obxectivo, proxéctanse carrís de aceleración e deceleración e dous carrís centrais de espera, permitindo deste xeito todos os xiros á esquerda. Así, esta solución evitará os actuais riscos e incrementará a seguridade viaria dos condutores.