A Xunta concede a máxima flexibilidade para que o Concello de Láncara poida contar cunha nova casa niño

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2020

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, reuniuse esta mañá co alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, e con outros membros da corporación municipal para tratar o cambio de localización proposto polo Concello para a segunda casa niño deste municipio lucense. Alí, trasladoulle que o Goberno galego dará toda a flexibilidade para a súa posta en marcha.

Amparo González sinalou que o obxectivo é ofrecer ás familias un servizo de conciliación acorde ás súas necesidades. Por este motivo, indicou que, como se fai con todos os concellos de Galicia, Láncara terá todas as facilidades para que, se cumpre con todos os requisitos, poida contar cun segundo centro para a atención das nenas e nenos de 0 a 3 anos.

Cómpre recordar que se trata da convocatoria para que as casas niño poidan chegar ao 100% dos concellos de Galicia que non teñen escola infantil ou outro recurso de conciliación e que se resolverá en datas próximas.

Imaxes relacionadas