A Xunta inicia as obras de acondicionamento da rúa Marcelo Macías, en Ourense, cun investimento de 1,7 millóns de euros

Esta actuación, cun prazo de execución de 12 meses, levarase a cabo nun tramo de 1,3 quilómetros para acometer a renovación do firme e a mellora das beirarrúas

Realizaranse traballos de mantemento do viaduto no río Barbaña, dotándoo de iluminación singular e renovaranse as redes de abastecemento e saneamento

Reforzarase a seguridade viaria con pasos de peóns con iluminación específica

A execución das obras fará necesarios desvíos de tráfico a partir de mañá, consensuados coa Policía Local e a Concellería de Tráfico do Concello de Ourense

Manterase o sentido de entrada á cidade e desviarase o tráfico de saída no primeiro treito da rúa, permanecendo dous carrís e restrinxindo un como zona de traballo

Os vehículos lixeiros desviaranse por unha vía paralela e os autobuses disporán doutra alternativa sinalizada coa fin de facilitarlles as súas manobras

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén comezar as obras de acondicionamento da rúa Marcelo Macías, en Ourense, cun investimento de 1,7 millóns de euros.
Esta actuación, cun prazo de execución de 12 meses, consistirá na renovación do firme e dos servizos, así como na mellora das beirarrúas ao longo de 1,3 km.
A intervención aproveitarase para facer labores de mantemento no viaduto sobre o río Barbaña, que se dotará de iluminación singular e traballarase na accesibilidade peonil.
Tamén, no referente aos servizos, se renovarán as redes de abastecemento, saneamento e as de alumeado.
Ademais a actuación inclúe o reforzo da seguridade viaria coa instalación de pasos de peóns con iluminación específica.
Todas estas renovacións de servizos supoñen un incremento do custo de proxecto inicial, polo que se fixo necesario un compromiso de cofinanciamento do 30% por parte do Concello de Ourense nesta actuación.

Desvíos de tráfico

A execución destas obras fará necesaria a realización de desvíos da circulación a partir de mañá, consensuados previamente coa Policía Local e o persoal da Concellería de Tráfico do Concello de Ourense.
Mentres se acometan as actuacións, manterase o sentido de entrada á cidade e desvíase o tráfico de saída no primeiro treito da rúa Marcelo Macías, que dispón de tres carrís. Así, continuarán en servizo dous carrís para os dous sentidos e restrinxirase o outro carril como zona de traballo.
Tal como se observa nos seguintes planos, os vehículos lixeiros desviaranse por unha vía paralela e os autobuses disporán doutra alternativa sinalizada coa fin de facilitarlles as manobras correspondentes.

Imaxes relacionadas