A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade remitiulles hoxe senllos escritos a estas empresas de transporte, lembrándolles ás súas obrigas para evitar posibles contaxios

A Xunta insta ás navieiras ao cumprimento das medidas de prevención fronte á covid nos servizos de transporte público

A Dirección Xeral de Mobilidade recórdalles ás compañías que nas embarcacións con prazas de pé as persoas deben manter entre si a máxima distancia posible

A referencia de ocupación é a de dous viaxeiros por cada metro cadrado na zona habilitada para viaxar de pé

Nos escritos tamén se fai fincapé na obrigatoriedade do uso de máscara nos servizos de transporte público, incluído o condutor

Tamén é preciso manter a distancia social necesaria á hora de realizar os embarques e desembarques correspondentes

A Xunta lembra que o incumprimento das medidas de prevención e das obrigacións establecidas, cando constitúan infraccións administrativas en saúde pública, será sancionado nos termos previstos na Lei xeral de Saúde Pública

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2020

A Xunta insta ás navieiras ao cumprimento das medidas de prevención fronte á covid nos servizos de transporte público.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, tras as queixas de usuarios en relación aos servizos á Illa de Ons, vén de remitirlles escritos a estas empresas de transporte coa fin de lembrarlles as súas obrigas.

A Xunta solicítalle a estas operadoras, que ofrecen servizos de transporte de ría, a colaboración necesaria para evitar contaxios nesta situación actual de pandemia.

A Dirección Xeral de Mobilidade recórdalles ás compañías que nas embarcacións con prazas de pé autorizadas, as persoas deben manter entre si a máxima distancia posible. Para isto, establecerase como referencia de ocupación a de dous viaxeiros por cada metro cadrado na zona habilitada para viaxar de pé.

Nos escritos remitidos tamén se fai fincapé na obrigatoriedade do uso de máscara nos servizos de transporte público, incluído o condutor.

Por outra banda, a Xunta tamén recorda a necesidade de manter a distancia social necesaria á hora de realizar os embarques e desembarques correspondentes.

A Xunta lembra que o incumprimento das medidas de prevención e das obrigacións establecidas, cando constitúan infraccións administrativas en saúde pública, será sancionado nos termos previstos na Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de Saúde Pública.