Un total de 18 empresas presentan ofertas para redactar o proxecto de trazado, construción e impacto ambiental da primeira fase da variante de Carballo, no tramo de Bértoa

A Xunta construirá esta infraestrutura en dous treitos, un desde o oeste de Carballo ata a vía provincial que leva a Compostela e outro, que é o da saída directa do polígono de Bértoa coa estrada de Ordes

O investimento para acometer estas dúas fases ascende a case 28 millóns de euros

Nesta 1º fase conectarase a estrada AC-552 na súa ligazón no polígono industrial coa autovía AG-55, a AC-413 e a estrada provincial en dirección Santiago

Esta actuación permitirá un servizo máis directo ao polígono de Bértoa e evitará o tránsito de mercadorías polo centro urbano

A intervención súmase a outras infraestruturas que xa son realidade na comarca como a autovía da Costa da Morte, que se prolongará ata a estrada de Camariñas

O Plan de Sendas desta bisbarra tamén está practicamente rematado, a excepción do itinerario Carballo-Coristanco, que se atopa en avanzado estado de tramitación

O Plan de Transporte Público de Galicia estenderá á comarca os beneficios das tarxetas TMG e da Xente Nova, coa que os menores de 21 anos poden viaxar gratis no transporte da Xunta

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2020

Un total de 18 empresas veñen de presentar as súas ofertas para a redacción do proxecto de trazado, construción e impacto ambiental da primeira fase da variante de Carballo, que se iniciará na estrada autonómica AC-552, en Bértoa.

A Xunta construirá esta infraestrutura, que servirá de alternativa á estrada AC-552, en dous treitos, un desde o oeste de Carballo ata a vía provincial que leva a Compostela e, o outro, que é o da saída directa do polígono de Bértoa coa estrada de Ordes.

O orzamento previsto para acometer estas dúas fases ascende a preto de 28 millóns de euros.

Atendendo a criterios técnicos, nesta primeira fase impúlsase o tramo que unirá a estrada AC-552 na súa ligazón en Bértoa coa autovía AG-55, coa estrada autonómica AC-413 que se dirixe a Ordes e coa estrada provincial DP-1914, moi utilizada para desprazamentos en dirección Santiago. O presuposto de licitación destas obras estímase en 15 millóns de euros.

Esta actuación permitirá un servizo máis directo ao polígono de Bértoa, que xera gran parte da actividade económica de Carballo e da súa mobilidade, ademais de evitar o tránsito de mercadorías polo centro urbano.

O proxecto posibilitará evitar a circulación dos vehículos pesados na zona do instituto Alfredo Brañas, o colexio infantil e de primaria O Fogar, a escola infantil A Ledicia e a zona do complexo deportivo.

Reforzo da seguridade viaria e a mobilidade

O Goberno galego, con esta actuación, reforza o seu compromiso coa comarca de Bergantiños, dotándoa de infraestruturas e servizos que facilitan a mobilidade dos veciños.

Esta intervención súmase a outra infraestrutura viaria que xa é unha realidade dende o ano 2016, a autovía da Costa da Morte, que con 27 km libres de peaxe conecta os núcleos de Carballo e Santa Irena, no límite municipal de Vimianzo.

No que se refire a esta autovía, a Xunta continua avanzando na tramitación para prolongala ata a estrada de Camariñas, mediante un investimento autonómico de 28,7 millóns de euros.

Ademais, o Executivo autonómico tamén mantén a autoestrada A Coruña-Carballo entre as máis baratas de España, aplicándolle por primeira vez bonificacións ás tarifas.

A Xunta tamén ten executado case a totalidade das actuacións recollidas no Plan de Sendas desta bisbarra, a excepción do itinerario Carballo-Coristanco, que se atopa en avanzado estado de tramitación.

En relación á mobilidade, o Plan de Transporte Público de Galicia tamén estenderá a esta comarca os beneficios e bonificacións das tarxetas TMG e Xente Nova. Grazas a este último dispositivo, os menores de 21 anos poden viaxar gratis no transporte da Xunta.