O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, explicou esta mañá as modificacións

A Xunta actualiza o Plan de reactivación no ámbito sociosanitario incorporando as medidas acordadas no Consello Interterritorial de Saúde

Limitaranse ao máximo as saídas do recinto do centro das persoas residentes

As visitas deberán ser unicamente dunha persoa por residente e dunha duración máxima dunha hora ao día

Faranse probas diagnósticas, nas 72 horas previas ao seu ingreso, aos novos residentes que se incorporen ao centro e tamén aos empregados que regresen de permisos, vacacións e aos novos traballadores que se incorporen

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2020

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, explicou esta mañá a actualización do Plan de Reactivación no ámbito sociosanitario de Galicia para adaptalo ás medidas aprobadas o pasado venres polo Consello Interterritorial de Saúde. Unha serie de indicacións que se aplicarán nas residencias de persoas maiores e persoas con discapacidade para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica.

Entre as modificacións atópase a limitación das saídas do recinto das persoas residentes e o cambio no réxime de visitas, que deberán ser dunha única persoa por residente e dunha duración máxima dunha hora ao día. Como se viña facendo ata o de agora, as residencias tomarán as medidas necesarias para que as visitas sexan escalonadas ao longo do día e, como é natural, poderán facerse excepcións coas persoas que estean ao final da súa vida, para que poidan despedirse dos seus familiares.

Cómpre ter en conta tamén que, como se vén facendo nos últimos meses, as visitas deberán ser tamén con cita previa, distancia social e preferiblemente en exteriores. As residencias verificarán tamén que a persoa visitante non presente síntomas.

Como xa se viña facendo, realizaranse tamén probas diagnósticas ás persoas que ingresen nestas residencias nun período máximo de 72 horas antes do seu ingreso para descartar posibles contaxios. Tamén se aplicará esta medida para os empregados que regresen de permisos e vacacións e aos novos traballadores que se incorporen.

O director xeral sinalou que as autoridades sanitarias están a facer un seguimento moi próximo das residencias e actuando con toda a celeridade ante calquera sospeita ou caso confirmado. Neste sentido, trasladou tranquilidade ás familias e agradeceu ao persoas das residencias o traballo realizado nos últimos meses.

Imaxes relacionadas