Almuiña trasládalle ao ministro de Sanidade a necesidade de modificar a lexislación sanitaria para combater a covid-19

O conselleiro apunta que é preciso modificar e completar a Lei 3/1986 para dotar de seguridade xurídica ás comunidades á hora de adoptar medidas sanitarias

Almuiña propuxo no Consello Interterritorial a necesidade de convocar un pleno monográfico con todos os responsables sanitarios autonómicos para definir medidas conxuntas de cara a volta ás aulas

Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2020

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, trasladoulle por medio dunha carta ao Ministro de Sanidade, Salvador Illa, a necesidade de modificar a Lei de Medidas Especiais en Materia de Saúde Pública, para poder facer fronte á crise sanitaria provocada pola covid-19.

Xunto co escrito, o titular da carteira sanitaria da Xunta de Galicia, trasladoulle ao Ministro de Sanidade un informe no que se fai referencia á necesidade dun cambio normativo para afrontar coas maiores garantías xurídicas posibles a evolución da pandemia do virus Sars-cov2 durante os vindeiros meses.

Neste sentido, Almuiña incidíu na necesidade de modificar a Lei orgánica 3/1986 de Medidas Especiais en Materia de Saúde Pública, subliñando que é preciso regular algúns dos seus artigos e dotala de medidas suficientes para poder abordar a situación sanitaria actual, e así evitar ter que recorrer continuamente ao denominado Estado de alarma.

Na mesma liña da proposta trasladada polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoó, en diversas Conferencias de Presidentes, o conselleiro de Sanidade apuntou que as comunidades autónomas precisan ferramentas lexislativas, que vaian máis alá das autorizacións xudiciais, e que lles aporten seguridade xurídica á hora de establecer medidas ou restricións en cadansúa autonomía.

A este respecto, Almuiña puntualizou que o artigo 3 da Lei 3/1986 debe ser completado no referente ás medidas que se poden adoptar para o control das enfermidades transmisibles. Así, sinala que o texto lexislativo debe recoller a posibilidade de adoptar medidas xerais como son o establecemento de cordóns sanitarios, o posible confinamento da poboación ou a o opción de limitar o dereito de reunión. Sobre este particular, o conselleiro argumentou que, tal e como afirman algunhas fontes xudiciais, no caso de que que estas medidas conten con carácter xeral, no estarían suxeitas a ratificación xudicial para poderen ser adoptadas. Así mesmo, remarcou que esta listaxe de medidas debe estar aberta a ampliacións, pois debe gozar dun carácter flexible que lle permita adaptarse aos posibles cambios futuros que deriven da evolución epidemiolóxica.

Sempre avogando pola máxima colaboración e coordinación entre institucións, o concelleiro tamén sinala que a devandita Lei debe definir cales serían as competencias estatais e autonómicas, apuntando que debe corresponderlle á Administración do Estado a adopción de medidas que afecten a máis dunha Comunidade Autónoma, como pode ser o control dos desprazamentos entre autonomías.

Un Pleno monográfico sobre a volta ás aulas

No transcurso do Consello Interterritorial de Saúde, Vázquez Almuiña convidou ao Ministro de Sanidade, Salvador Illa, a convocar nas vindeiras datas un pleno monográfico sobre a próxima volta ás aulas, no que se aborde dun xeito conxunto e coordinado entre todas as comunidades e axentes implicados, cales son as medidas xerais que se deben adoptar a nivel educativo.

Imaxes relacionadas