A Xunta defenderá na Comisión Bilateral co Estado a legalidade das cuestións relativas ao imposto de sucesións e á Lei do solo

Lembra que a redución fiscal do imposto sobre sucesións e doazóns para as empresas que teñan o seu centro principal na comunidade autónoma é un requisito que xa se esixe desde 2002 e que existe en 8 comunidades autónomas

Ademais, a modificación da Lei do solo non é tampouco ningunha novidade e, en calquera caso, prevalece sempre a normativa básica estatal en materia de costas

A convocatoria da comisión bilateral é un procedemento habitual para resolver cuestións entre administracións e discrepancias técnicas

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2020

A Xunta defenderá no seo da Comisión bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia a legalidade das modificacións relativas ao imposto de sucesións e doazóns e a Lei do solo que se recollían na Lei 7/2019, de 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

No caso concreto do imposto sobre sucesións e doazóns, o Goberno central considera que o requisito fixado pola Xunta de que o centro principal da empresa deberá estar situado na comunidade autónoma para poder aplicar a redución fiscal pode contravir a normativa da Unión Europea.

Con todo, a Xunta de Galicia entende que a redacción do artigo é totalmente legal, e a demostración disto é que este requisito xa se esixe desde o ano 2002 e existe nas normativas fiscais doutras 8 comunidades autónomas.

A outra cuestión refírese á modificación do artigo 40 da Lei do solo, que se incluíu na Lei de medidas fiscais e administrativa de 2019. Este artigo dedícase ás edificacións existentes de carácter tradicional, aos seus usos e obras permitidas. O Goberno central considera que neste artigo pode existir unha discrepancia coa Lei de Costas de 1988, no referido ás limitacións que establece a normal estatal para o cambio de uso de edificacións localizadas en solo rústico de protección de costas.

En calquera caso, desde a Xunta considérase que as modificacións introducidas non afectan para nada á discrepancia que manifesta o Estado. De feito, non son ningunha novidade e levan en vigor 16 anos -desde a redacción dada ao artigo 40 pola Lei 15/2004, de 29 de decembro de modificación da LOUG-. En todo caso, ademais, prevalece sempre a normativa básica estatal en materia de costas.

Cómpre destacar, ademais, que a Xunta xa trasladou en anteriores reunións as consideracións sobre ambas cuestións ao Goberno central e volverá facelo no seo da Comisión bilateral.

Comisión bilateral

A convocatoria da comisión bilateral é un procedemento habitual para resolver cuestións entre administracións e discrepancias técnicas. De feito, a comisión concíbese como un instrumento esencial de cooperación e entendemento entre a Administración xeral do Estado e a comunidade autónoma de Galicia. Entre as súas funcións está servir de cauce de actuacións de carácter preventivo para evitar que xurdan conflitos entre ambas administracións, arbitrar propostas de solución ou resolver por vía extraprocesal conflitos de competencia. Ademais, tamén ten as funcións de impulsar e concretar, desde o punto de vista bilateral, a realización de plans conxuntos; ou deseñar mecanismos de colaboración mutua.

Segundo está fixado nas lexislación, as comisións estarán composta por membros de ambas administracións e pode variar en función dos asuntos que se vaian tratar. Ademais, está previsto que as comisións actúen coa máxima flexibilidade para facilitar as reunións. De feito, o grupo de traballo que se reúne para preparar o acordo final faino habitualmente por videoconferencia xa desde o ano 2010.

Imaxes relacionadas