A conselleira do Mar en funcións participou na presentación da marca de calidade ‘Merluza de Costa do Norte’ para a pescada capturada pola frota de Cedeira

A Xunta salienta a importancia dos selos de calidade para enxalzar as bondades dos produtos do mar e impulsar os seus prezos

Rosa Quintana agradeceu o labor realizado pola frota de Cedeira durante a alerta sanitaria polo coronavirus pois as descargas de pescada no seu porto aumentaron no primeiro semestre do ano a pesar da pandemia

Os ingresos pola venda desta especie subiron un 27% en Galicia desde 2009 pese a que baixaron os desembarques, o que mostra que houbo unha mellora na súa comercialización

O Executivo galego lembra que os distintivos de calidade recoñecen a dureza do labor dos mariñeiros e que contribúen a que os seus produtos obteñan prezos acordes con ese esforzo

Cedeira (A Coruña), 14 de agosto de 2020

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, participou hoxe na presentación da marca de calidade Merluza de Costa do Norte, para a pescada capturada pola frota de volanta de Cedeira, onde salientou a importancia deste tipo de distintivos para dar seguridade ao consumidor sobre a calidade do produto que merca, enxalzar as súas bondades e impulsar os seus prezos.

A representante do Executivo galego subliñou tamén que o porto de Cedeira aumentou as súas descargas de pescada e a facturación pola súa venda durante o primeiro semestre do ano, o que mostra que esta frota realizou un importante esforzo durante a declaración do estado de alarma polo coronavirus para manter a súa actividade e o subministro de produtos do mar á cidadanía. Por iso, agradeceu ao sector o gran esforzo realizado nestes meses a pesar dos riscos que implicaba seguir traballando durante a pandemia.

Neste sentido, Rosa Quintana tamén enxalzou o labor das empresas de distribución como Vegalsa-Eroski -que apoia a posta en marcha desta marca de calidade, coa que prevé comercializar unhas 400 toneladas de pescada de proximidade ao ano nas súas preto de 350 peixerías- pois permitiron poñer os produtos do mar de Galicia no mercado e en todos os puntos de España no momento máis duro da alerta sanitaria, na fase de confinamento.

A titular de Mar en funcións incidiu en que os selos de calidade teñen unha gran transcendencia porque recoñecen as bondades dos produtos, aportan seguridade na súa comercialización e permiten mellorar os prezos, un feito que é especialmente relevante para unha especie que foi líder en facturación nas lonxas galegas en 2019 e que tamén foi a segunda máis descargada. Nesta liña, os ingresos pola primeira venda de pescada aumentaron un 27% en Galicia desde 2009 a pesar de que as descargas descenderon e no caso de Cedeira as poxas desta especie subiron un 30% nos últimos exercicios, polo que o sector quere impulsar tamén os ingresos obtidos pola súa venda.

A representante da Xunta lembrou ademais que as marcas de calidade como a impulsada pola confraría de Cedeira supoñen un recoñecemento para a dureza do labor que realizan os mariñeiros, que debe verse reflectida nos prezos dos produtos, e que identifican a tradición existente no sector pois no caso da pesca con volanta no Cantábrico hai 60 anos que a súa imaxe é a da frota de Cedeira.

Rosa Quintana enxalzou o labor e a colaboración da confraría de pescadores de Cedeira e de Vegalsa-Eroski para a posta en marcha desta iniciativa e lembrou que a Consellería do Mar tamén aposta desde hai anos pola mellora da comercialización dos produtos do mar con distintivos como a marca pescadeRías, que elevou nun 400% o volume de produto certificado desde 2009.

‘Merluza de Costa do Norte’

O distintivo de calidade para a pescada de Cedeira está impulsado por un grupo de armadores de volanta da localidade que buscan poñer en valor a calidade da pescada fresca capturada nas súas costas. A iniciativa, que conta coa implicación de Vegalsa-Eroski, supón tamén a creación dunha plataforma de venda que se ocupará da distribución e comercialización da pescada dos sete volanteiros integrados no proxecto.

Imaxes relacionadas