A Xunta traballa por impulsar a inserción laboral a través de programas formativos flexibles e accesibles

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou hoxe o Programa Integrado de Emprego que desenvolve a Fundación Cultural da Estrada, no cal participan un cento de alumnos e alumnas

Oferta unha serie de actividades formativas e de ‘coaching’, e asesoramento personalizado tanto para persoas desempregadas como emprendedoras

Tras nove meses desde que se iniciou, 65 das 100 persoas participantes xa atoparon un posto de traballo e tres puxeron ou van poñer en marcha o seu propio proxecto empresarial

A Estrada (Pontevedra), 14 de agosto de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, destacou hoxe o traballo da Xunta por impulsar a inserción laboral das persoas desempregadas a través dunha oferta de programas formativos flexibles e accesibles. Así o puxo de relevo na súa visita ao Programa Integrado de Emprego que desenvolve a Fundación Cultural da Estrada, no cal participan un cento de alumnos e alumnas.

A Xunta inviste neste programa anual, que remata o vindeiro 20 de outubro, 250.000 euros. Nel, ofértanse unha serie de actividades formativas e de coaching, e asesoramento personalizado tanto para persoas desempregadas como emprendedoras. Fai especial fincapé na aprendizaxe do inglés e na formación en liña e, de feito, imparte o certificado de profesionalidade en Docencia da formación profesional para o emprego na modalidade de teleformación. Tamén inclúe cursos sobre prevención de riscos laborais con especial atención aos protocolos de seguridade fronte á covid-19.

O obxectivo é facilitar un itinerario personalizado de inserción a cada alumno e, nese sentido, este programa destaca por incorporar medidas de conciliación da vida familiar e laboral como a flexibilidade de horarios ou a teleformación. Ademais, ofrece prácticas profesionais non laborais en empresas. Ao respecto, cabe destacar que, tras nove meses desde que se iniciou, 65 das 100 persoas participantes xa atoparon un posto de traballo en empresas de hostalería, a xardinería ou de asistencia telefónica. E, tras a crise da covid-19, incrementouse a inserción en sectores como a fabricación, os supermercados ou a atención sociosanitaria. Por outra banda, cómpre salientar, tamén, que tres das persoas participantes puxeron ou van poñer en marcha o seu propio proxecto empresarial.

Neste momento estanse a desenvolver en Galicia 46 programas integrados de emprego cun investimento de máis de 10,5M€ para beneficiar a 4600 persoas desempregadas. Forman parte da nova Axenda de Emprego, coa que o Goberno galego é pioneiro no impulso dun modelo de formación dual e flexible adaptado ás demandas do tecido produtivo onde a dixitalización xoga un papel determinante.