O DOG publica a convocatoria de eleccións para a renovación do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia

Os comicios para elixir aos 12 vogais do Consello, que á súa vez decidirán quen serán o presidente e os vicepresidentes do organismo, celebraranse o sábado 14 de novembro

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Mar pola que se convocan as eleccións para a renovación dos órganos de goberno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia. As eleccións terán lugar, segundo o calendario establecido, o sábado 14 de novembro.

Nestes comicios elixiranse un total de 12 vogais do Consello que á súa vez decidirán quen serán o presidente e os vicepresidentes do organismo. Destes vogais, seis son en representación do subsector produtor e seis das empresas comercializadoras (tres correspondentes aos centros de depuración e/ou expedición de mexillón fresco e tres ás empresas de transformación).

A orde establece que poderán ser electores as persoas físicas ou xurídicas que, antes da entrada en vigor da convocatoria, estean debidamente inscritas e con actividade nalgún dos censos do Consello Regulador, non carezan do dereito de sufraxio activo consonte ao disposto pola normativa de réxime electoral xeral e non fosen sancionados con carácter firme coa suspensión da súa inscrición no rexistro correspondente.

Serán elixibles como vogais do organismo aquelas persoas físicas ou xurídicas que reúnan os requisitos para seren persoa electora e que non estean afectadas polas causas de inelixibilidade previstas na normativa de réxime electoral xeral.

O censo electoral será elaborado pola Comisión Electoral e estará constituído por todas e cada unha das persoas titulares inscritas e con actividade nos rexistros do Consello Regulador. A súa estrutura estará conformada polo censo do subsector produtor, constituído polos titulares de bateas inscritas no Rexistro de Bateas do Consello Regulador, o censo do subsector da comercialización de mexillón en fresco, integrado polas persoas inscritas no Rexistro de Centros de Depuración/Expedición, e o censo do subsector da transformación, composto polo integrantes do Rexistro de Centros de Transformación.

En canto ao calendario electoral, a campaña iniciarase ás 00.00 horas do día hábil posterior ao de proclamación definitiva de candidaturas e finalizará ás 24:00 horas do sétimo día de campaña. A votación realizarase entre as 11:00 horas e as 17:00 horas do primeiro sábado posterior ao día de finalización da campaña electoral. A continuación, no segundo día hábil posterior ao da votación, a Xunta Electoral procederá á proclamación provisional dos vogais electos. Para a asignación de vogalías aplicarase o sistema proporcional directo.

Na mesma xornada de proclamación definitiva dos vogais saídos do resultado dos comicios convocarase o pleno do Consello Regulador co obxectivo de que se poida celebrar nos seguintes días a sesión de constitución do pleno, na que se elixirán por maioría aos representantes do organismo que exercerán a partir dese momento os cargos de presidente e vicepresidentes.

Imaxes relacionadas