Medio Ambiente amplía o orzamento do programa de Infravivenda, que disporá de 470.000 euros para as axudas deste ano

Esta liña de subvencións foi convocada o pasado 26 de febreiro e ten por obxecto facilitar a rehabilitación de inmobles localizados en concellos de menos de 10.000 habitantes que non cumpren uns requisitos mínimos de habitabilidade

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2020-

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), acaba de ampliar ata os 470.000 euros o orzamento destinado en 2020 ao programa de Infravivenda, unha liña de axudas específica para facilitar a rehabilitación de inmobles que non reúnan uns requisitos mínimos de habitabilidade e estean emprazados en concellos de menos de 10.000 habitantes. Así se recolle na Resolución publicada hoxe no DOG, que autoriza un incremento en 270.000 euros da dotación que actualmente tiña asignada este programa.

O pasado 26 de febreiro convocáronse as subvencións do Programa de Infravivenda do Plan RehaVIta -Plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellora de acceso á vivenda 2015-2020- para o presente exercicio. O orzamento inicial dispoñible era de 100.000 euros pero a finais do pasado mes de maio procedeuse a autorizar unha primeira ampliación, ata chegar aos 200.000 euros.

Coa resolución publicada hoxe, volve incrementarse a dotación do Programa de Infravivenda para 2020 tendo en conta que nestes momentos existen remanentes de crédito de convocatorias doutros programas e que o orzamento previsto resulta insuficiente para atender todas as solicitudes presentadas. De feito, a previsión é poder conceder a totalidade dos expedientes recibidos, sempre que cumpran cos requisitos da convocatoria.

A ampliación de crédito, en todo caso, non implica a apertura dun novo prazo para poder acollerse a esta liña de axudas –que rematou o pasado 7 de xullo e durante o que se presentaron máis de 30 solicitudes- nin o inicio dun novo período para que o Instituto Galego da Vivenda e Solo resolva os expedientes xa presentados.

Requisitos


Segundo os requisitos que se recollían na convocatoria do Programa de Infravivenda deste ano, o inmoble obxecto da actuación pode ser propiedade dos seus moradores ou do concello, aínda que en ambos casos a axuda debe solicitala a Administración local.

Así mesmo, os ocupantes das vivendas que se acollan ás subvencións deben acreditar que os seus ingresos non superan unha vez o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem) e o inmoble terá que destinarse a solucionar problemas de infravivenda durante un prazo non inferior a cinco anos. O importe da axuda do IGVS equivalerá ao 95% do custo da obra de rehabilitación, cun límite máximo de 15.000 euros por vivenda.
 

Imaxes relacionadas