A Xunta organiza un curso de inseminación artificial en vacún no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos

Terá lugar a vindeira semana, concretamente entre o luns 17 e o venres 21 de agosto

A acción intégrase no Plan de formación ao agro galego que desenvolve a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria
 

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2020

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un curso de inseminación artificial en vacún dirixido a profesionais do sector agrario ou persoas interesadas en incorporarse a el. O curso terá lugar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte de Lemos a vindeira semana, concretamente entre o luns 17 e o venres 21 de agosto.

A acción, que está integrada no Plan de formación ao agro galego 2020, contará cunha duración de 20 horas. En concreto, o curso proporcionará unha formación teórico-práctica en inseminación artificial para o que haberá que adquirir certos coñecementos sobre o aparello reprodutor da vaca e sobre a problemática da súa reprodución. Tamén haberá contidos sobre o material que se debe empregar e consellos para non ter riscos durante o proceso, así como de sensibilización medioambiental.

O principal obxectivo do Plan de formación ao agro galego é impulsar o desenvolvemento das actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír á implementación dos coñecementos dos agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Así, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións, no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.

Con esta formación tamén se promove que o sector agrícola e silvícola utilice dun xeito eficiente os recursos, co fin de que sexan economicamente viables, produtivos e competitivos. Tamén se coida o nivel de emisións, co obxectivo de que sexan respectuosos co medio ambiente e resistentes ao cambio climático, ademais de traballar cara a sistemas de produción en harmonía cos recursos naturais esenciais dos que dependen a agricultura e a silvicultura.