Política Social apoia a creación artística no campamento de verán ‘Un país para pintores e poetas’ de Ponteceso

Mozas e mozos entre os 12 e os 14 anos participan nas actividades que se desenvolven na Aldea do Couto

Ponteceso (A Coruña), 11 de agosto de 2020

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta tarde o grupo de mozas e mozos que participan no campamento xuvenil Un país para pintores e poetas que ten lugar estes días na Aldea do Couto, en Ponteceso. Alí sinalou que este espazo permite que a xuventude galega siga impulsando a súa creatividade nas diferentes modalidades artísticas.

Durante os últimos días, rapazas e rapaces de entre 12 e 14 anos realizaron actividades de creación audiovisual, literaria e poética, teatro, música e cerámica. Cristina Pichel destacou que, ademais dun importante recurso de conciliación, as actividades enmarcadas dentro da Campaña de Verán ofrecen unha gran variedade de proxectos que serven para enriquecer a educación non formal da mocidade.

En total, esta Campaña de Verán, que leva por título O verán que necesitas, pon á disposición da mocidade 6872 prazas en diferentes actividades e campamentos, que se prolongarán ata comezos do mes de setembro. Todas as actividades desta campaña seguen as medidas de prevención fronte ao covid-19 fixadas polas autoridades sanitarias co fin de garantir a seguridade de todas as persoas participantes.

Ademais, a Consellería de Política Social oferta neste verán 348 prazas nun total de 29 campos de voluntariado (incluíndo as tres quendas de Cíes) para maiores de 18 anos por todo o territorio galego.