O campo de voluntariado ‘Lembrando a nosa pegada’ procura a preservación do patrimonio na Serra de Outes

Mozas e mozos entre os 18 e os 30 anos participan nestas actividades que finalizarán este xoves

Outes (A Coruña), 11 de agosto de 2020

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañou esta mañá o grupo de mozas e mozos que participan no campo de voluntariado Lembrando a nosa pegada na Serra de Outes. Alí destacou o importante labor de preservación do patrimonio e coidado do entorno que están a realizar neste espazo xeográfico da comarca de Noia.

A directora xeral aproveitou a visita para acompañar ás mozas e mozos no acondicionamento dos gliptógrifos de Carballa da Cova. Trátase dunha das actividades que realizaron durante estes días e ata o xoves xunto coa posta en valor das áreas onde se atopan os petróglifos de Fontemoureira, no Freixo, mediante a sinalización e a limpeza de vexetación. Así mesmo, tamén puideron coñecer as rutas naturais a través das novas tecnoloxías.

A maiores, puideron desfrutar dun amplo programa de actividades de ocio complementarias, que inclúe rutas en kayak, mergullo de superficie, tiro con arco, xeolocalización ou deporte tradicional.

Campaña de verán

A Consellería de Política Social oferta neste verán 348 prazas nun total de 29 campos de voluntariado (incluíndo as tres quendas de Cíes) para maiores de 18 anos por todo o territorio galego. Todas as actividades desta campaña seguen as medidas de prevención fronte á covid-19 fixadas polas autoridades sanitarias co fin de garantir a seguridade de todas as persoas participantes.

En total, a Campaña de Verán deste ano, que leva por título O verán que necesitas, pon á disposición da mocidade 6872 prazas en diferentes actividades e campamentos, que se prolongarán ata comezos do mes de setembro.
 

Imaxes relacionadas