A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 h de hoxe

Permanece activo o lume do municipio ourensán de Lobios, parroquia de Manín, no que faleceu o piloto dun hidroavión portugués e o copiloto resultou ferido, e que afecta unhas 420 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés

Tamén no parque natural, segue controlado o incendio de Muíños, parroquia de Requiás, que afecta unhas 50 hectáreas, e quedou extinguido outro no mesmo lugar que afectou 1 hectárea rasa
 

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais rexistrados con datos recollidos ata as 13,30 h. de hoxe.

Lobios

Permanece activo, aínda que evoluciona favorablemente, o incendio rexistrado no concello ourensán de Lobios, parroquia de Manín, tras comezar o sábado ás 8,00 h. e despois de entrar dende Portugal. Segundo as últimas estimacións, o lume afecta unhas 420 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada.

No control deste incendio levan traballado 1 técnico, 20 axentes, 55 brigadas, 30 motobombas, 2 pas, 9 avións e 11 helicópteros, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Foi neste lume onde se accidentou un hidroavión do operativo de extinción portugués, no que faleceu unha persoa e outra resultou ferida.

Muíños

Segue controlado o lume do concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que se iniciara o venres e que afecta provisionalmente unhas 50 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Para a súa extinción lévanse mobilizado 7 axentes, 25 brigadas, 17 motobombas, 1 pa, 9 avións e 7 helicópteros.

Mentres, quedou extinguido ás 10,18 h. desta mañá outro lume que se orixinara na madrugada de onte no mesmo municipio de Muíños, e na mesma parroquia de Requiás, e que afectou 1 hectárea rasa do parque natural. Para o seu control mobilizáronse en total 4 axentes, 7 brigadas e 5 motobombas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

 

Departamento:
C. do Medio Rural