A circulación na A-52 xa está restablecida ao adiantar o remate das obras de estendido da capa de rodadura

O avance nos traballos permitiu finalizalos antes do previsto, reducindo só ao día de onte o corte de calzadas na autovía e evitando as afeccións previstas para hoxe

A nova infraestrutura de conexión reducirá en máis do 60% o actual percorrido entre o polígono e a A-52

A actuación suporá un reforzo da seguridade viaria, mellorará a conectividade coa autovía de Celanova e reforzará a competitividade de toda esa zona
 

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2020

A circulación do tráfico na autovía A-52 xa está restablecida ao adiantarse o remate das obras de estendido da capa de rodadura, avanzando nos últimos pasos para a posta en servizo da nova conexión co polígono de San Cibrao das Viñas.
O avance nos traballos na xornada de onte permitiu reducir só a un día o corte de calzadas na autovía, evitando as afeccións previstas tamén para hoxe.
Neste sentido, repúxose o tráfico en ambas calzadas, quedando pendente un desvío para a execución da sinalización horizontal e vertical.
A Xunta continúa a ultimar os remates para a entrada en funcionamento desta nova conexión que reducirá en máis do 60% o percorrido actual entre o polígono e a autovía que vai a Madrid.
A actuación suporá un reforzo da seguridade viaria, mellorará a conectividade coa autovía de Celanova e reforzará a competitividade de toda esa zona.