A Xunta amplía a dotación orzamentaria das axudas para a prevención dos danos causados por incendios, desastres naturais e catástrofes ata os case 6,4 millóns de euros

Desta forma atenderase a todas as solicitudes recibidas que cumpren cos requisitos da orde

Esta liña de achegas ten como obxectivo minorar o impacto dos lumes sobre o desenvolvemento e produción dos montes e, en conxunto, sobre a fauna, a flora e a paisaxe

Os beneficiarios desta subvencións son os titulares de montes veciñais en man común, as súas agrupacións e mancomunidades e as Sociedades de Fomento Forestal
 

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que amplía a partida orzamentaria dedicada ás axudas para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en Sociedades de Fomento Forestal (Sofor). Deste xeito, pásase de 5,8 millóns de euros iniciais aos case 6,4 millóns de euros para os anos 2020 e 2021, co fin de atender as case 700 solicitudes recibidas que cumpren cos requisitos da orde.

Cómpre salientar que esta liña de achegas contribúe a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción dos montes e, en conxunto, sobre a fauna, a flora e a paisaxe de Galicia. Con este obxecto establécense dúas liñas de subvencións: unha para o control selectivo de combustible e outra para a construción de puntos de auga.

A primeira liña engloba todas aquelas accións encamiñadas a eliminar ou reducir os riscos que poden ser causa de incendios forestais e da súa propagación. Así, subvenciónase o control selectivo de combustible en áreas de devasas, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal natural así como na roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais. O obxectivo é reducir a carga de combustible presente no monte e crear zonas con descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo así a anticiparse aos incendios.

Canto á segunda liña de axudas, subvenciónase a construción de puntos de auga para a prevención e defensa contra os incendios forestais, que se localizarán en zonas estratéxicas para a defensa dos núcleos de poboación e das masas forestais.

Así, os beneficiarios destas dúas liñas de subvención son os titulares de montes veciñais en man común, as súas agrupacións e mancomunidades e as Sociedades de Fomento Forestal. Coa ampliación de crédito, a Consellería do Medio Rural reforza o seu compromiso en materia de prevención de incendios forestais.

Enlace á orde:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200811/AnuncioG0426-040820-0004_gl.html
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural