A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19,30 h de hoxe

Permanece activo o lume do municipio ourensán de Lobios, parroquia de Manín, no que faleceu o piloto dun hidroavión portugués e o copiloto resultou ferido, e que afecta unhas 420 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés


Seguen controlados os lumes de Muíños (Requiás), Toén (Moreiras) e Chandrexa de Queixa (Requeixo) que afectan provisionalmente unhas 50, 250 e 25 hectáreas respectivamente


Extinguido un dos lumes de Muíños, Requiás, que afectou unha superficie de 0,05 hectáreas de monte raso
 

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais rexistrados con datos recollidos ata as 19,30 h. de hoxe.

Lobios
Permanece activo, dentro dunha evolución favorable, o incendio rexistrado no concello ourensán de Lobios, parroquia de Manín, tras comezar o sábado ás 8,00 h e despois de entrar dende Portugal. Segundo as últimas estimacións, o lume afecta unhas 420 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. No seu control levan traballado 1 técnico, 18 axentes, 51 brigadas, 24 motobombas, 2 pas, 9 avións e 11 helicópteros. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Foi neste lume onde se accidentou un hidroavión do operativo de extinción portugués, no que faleceu unha persoa e outra resultou ferida.

Muíños
Permanece controlado dende as 10,09 h. desta mañá un novo lume no concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que tamén afecta o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Orixinouse ás 1,07 h. da madrugada e, segundo as primeiras estimacións, rolda 1 hectárea rasa. Lévanse mobilizado para o seu control 2 axentes, 6 brigadas e 4 motobombas.

Tamén segue controlado o lume deste mesmo concello ourensán de Muíños, na mesma parroquia de Requiás, que se iniciara o venres e que afecta provisionalmente unhas 50 hectáreas de superficie. Para a súa extinción lévanse mobilizado 6 axentes, 24 brigadas, 16 motobombas, 1 pa, 9 avións e 7 helicópteros.

Ademais, hoxe comezou ás 13,40 h. un quinto incendio nesta parroquia ourensá (Requiás) e se deu por extinguido ás 15,45 h. da tarde. Na súa extinción participaron 1 axente, 3 brigadas e 1 motobomba. A superficie afectada foi de 0,05 hectáreas de monte raso. Trátase do sétimo lume que afecta ao Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés dende a noite do xoves.

Toén
Segue controlado, dende as 19,43 h. de onte, o incendio do concello ourensán de Toén, parroquia de Moreiras. Iniciouse o venres e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 250 hectáreas. Para a súa extinción lévanse mobilizado 3 técnicos, 17 axentes, 44 brigadas, 29 motobombas, 3 pas, 12 avións e 9 helicópteros, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Chandrexa de Queixa
Continúa controlado, dende as 19,53 h. de onte, o incendio do municipio ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo. Orixinárase o sábado e, segundo as últimas estimacións, rolda as 25 hectáreas. No seu control levan traballado 7 axentes, 16 brigadas, 2 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

(Remitirase nota de prensa cando haxa novidades).


 

Departamento:
C. do Medio Rural