A Casa da Cultura de Mazaricos acolle desde hoxe un curso de aplicador e manipulador de fitosanitarios organizado pola Xunta

A acción está integrada no Plan de formación ao agro galego que desenvolve a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e prolongarase ata o vindeiro día 17, cunha duración total de 27 horas

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2020

A Casa da Cultura de Mazaricos acolle dende hoxe e ata o vindeiro luns, día 17 de agosto, un curso de aplicador e manipulador de produtos fitosanitarios dirixido a profesionais do sector agrario ou persoas interesadas en incorporarse a el. Está organizado pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), e impartido pola Oficina Agraria Comarcal de Santa Comba.

Esta acción formativa, que está integrada no Plan de formación ao agro galego 2020, contará cunha duración total de 27 horas. Nela trataranse temáticas como as pragas e as enfermidades que afectan aos cultivos, a preparación e a aplicación dos distintos tratamentos fitosanitarios, así como a súa clasificación e etiquetado, incluíndo referencias aos pictogramas e indicacións das súas embalaxes.

O principal obxectivo do Plan de formación ao agro galego é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Polo tanto, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.