A xornada técnica sobre maquinaria para a mecanización da horta aprázase ata o 10 de setembro e terá lugar no CFEA de Sergude

As restricións impostas pola covid-19 na área sanitaria da Coruña impiden que se poida celebrar este xoves no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, como estaba inicialmente previsto

Está integrada no Plan de formación ao agro galego que leva a cabo a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria
 

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2020

A xornada técnica sobre maquinaria para a mecanización da horta que ía celebrarse este xoves no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) queda aprazada ata o vindeiro día 10 de setembro, a causa das restricións pola covid-19 na área sanitaria da Coruña, á que pertence o municipio de Abegondo, no que ten a súa sede o CIAM.

Ademais, decidiuse por parte da Consellería do Medio Rural -organizadora do evento, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal)- que a xornada teña lugar nas instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, situado no concello coruñés de Boqueixón.

A xornada, que inclúe demostracións con distintos tipos de equipos, levarase a cabo nun momento de incremento da demanda de diferentes maquinarias para poder mecanizar certas tarefas do agro, así como para buscar sistemas de produción máis eficientes ou que minimicen a utilización de fitosanitarios. Desta forma, cada vez máis agricultores buscan equipos que non só lles faciliten o labor diario, senón que tamén poidan axudalos a aforrar, ao tempo que teñen a capacidade de adaptarse aos distintos tipos de solo ou ás irregularidades do terreo.

A acción formativa constará dunha sesión teórico práctica para mostrar o funcionamento e as particularidades dunha serie de máquinas, facendo fincapé na posibilidade de combinación entre elas para reducir o tempo de traballo ou o consumo de enerxía. Entre os equipos que se empregarán na demostración, estarán un canón nebulizador, unha transplantadora ou distintos tipos de fresas. Tamén unha sementadora, unha binadora e unha trituradora de cultivos.

A actividade está dirixida aos produtores e técnicos de horta, ás cooperativas e asociacións de horticultores, ás escolas de formación agraria e ás empresas de servizos agrícolas. Así mesmo, poden acudir representantes dos talleres de maquinaria para o agro, así como mozos en fase de incorporación á actividade agraria.

O principal obxectivo do Plan de formación ao agro galego é impulsar as actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Así, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, gandeiro, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego de métodos respectuosos coa conservación e a protección do medio.