O conselleiro do Medio Rural en funcións presidiu esta mañá a reunión do Comité de Coordinación Policial Antiincendios

Dúas persoas foron sorprendidas in fraganti esta fin de semana cando prendían senllos lumes forestais na Teixeira e Nigrán

José González destacou que foi un axente ambiental das brigadas de investigación de incendios -en colaboración co Seprona- o que interceptou esta madrugada o presunto autor do lume do concello ourensán

Na localidade pontevedresa, foron os veciños os que deron coa suposta incendiaria cando estaba prendendo con pastillas de acendido a pasada tarde

O conselleiro afirmou que estas dúas persoas están xa a disposición da Garda Civil grazas, por unha banda, ao dispositivo de vixilancia da Xunta, e por outra, á concienciación cidadá para facer fronte aos lumes forestais

Lembrou que máis de 7.000 efectivos, drons e cámaras fixas nun 60% do territorio galego están despregados por terra e aire para seguir detectando calquera actividade incendiaria
 

Boqueixón (A Coruña), 10 de agosto de 2020

Dúas persoas foron sorprendidas in fraganti esta fin de semana cando prendían senllos lumes forestais no concello ourensán da Teixeira e no pontevedrés de Nigrán. Así o adiantou o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, na reunión que mantivo hoxe o Comité de Coordinación Policial Antiincendios no Pazo de Quián.

José González destacou que “foi un axente ambiental das brigadas de investigación de incendios o que interceptou esta madrugada o presunto autor do lume da Teixeira”, en colaboración co Seprona. Foi, concretamente, na parroquia de Sistín, onde se produciron dous incendios arredor da unha da mañá que se saldaron só con 200 metros cadrados afectados, grazas á rápida intervención dos efectivos de extinción. O home foi trasladado ao cuartel de Castro Caldelas para que prestase declaración.

No caso de Nigrán, “foron os veciños os que sorprenderon a unha muller cando prendía lume” cunhas pastillas de acendido a pasada tarde, na parroquia de Parada. Grazas á súa colaboración coas autoridades, esta suposta incendiaria tamén foi posta a disposición da Garda Civil.

O conselleiro en funcións puxo de relevo que estas dúas persoas foron sorprendidas grazas, por unha banda, ao dispositivo de vixilancia da Xunta, e por outra, á concienciación cidadá para facer fronte aos lumes forestais. Nese sentido, lembrou que “temos un operativo superior ás 7.000 persoas sobre o terreo, que se apoia en cámaras de vixilancia nun 60% do territorio e no uso de drons”.

Así mesmo, González recordou que existe un teléfono confidencial e gratuíto para dar conta de calquera actividade incendiaria: o 900 815 085. “Faremos que caia todo o peso da lei sobre estes delincuentes que poñen en perigo os bens e as persoas e queremos que saiban que os estamos vixiando por terra e por aire”.

Nesa liña, o conselleiro en funcións puxo de relevo que no que vai de ano “máis de 40 persoas foron detidas ou investigadas pola Policía Autonómica -coa colaboración dos axentes ambientais de Medio Rural-, como presuntas responsables de incendios forestais”. A maiores, os axentes ambientais da Consellería do Medio Rural e os da Policía Autonómica están realizando un seguimento a máis de 90 persoas por provocar lumes “para que ningún destes delincuentes quede impune”.

A maiores, José González quixo aproveitar o encontro para lamentar o pasamento do piloto do hidroavión do operativo portugués de extinción accidentado en Lobios o pasado sábado, incidindo en que “cando alguén provoca un incendio, pode causar danos tanto aos bens como ás persoas”. Así, ao tempo que trasladou o seu pésame á familia do falecido, desexou unha pronta recuperación ao copiloto español que resultou ferido.

Anticipación aos incendios

José González aproveitou a súa intervención para lembrar que a Xunta vai “seguir implementando iniciativas de prevención como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou proxectos piloto como é o caso de Cualedro”, onde xa se recuperaron 185 hectáreas e, nunha segunda fase, vanse a recuperar outras 300 hectáreas máis. A día de hoxe, segundo apuntou, existen solicitudes de gandeiros para 800 hectáreas adicionais desta zona, “o que demostra o éxito da primeira fase”.

O conselleiro do Medio Rural en función concluíu sinalando que “por unha banda buscamos dotar de máis base territorial ás explotacións e por outra ser capaces de atopar zonas nas que se poidan facer polígonos de forraxes ou de pasto para o uso en común”, sen esquecerse do aproveitamento forestal para sacarlle a máxima rendibilidade posible ao territorio nos tres usos e do seu labor na prevención de incendios.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural