A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 9,00 h de hoxe

Permanece activo o lume do municipio ourensán de Lobios, parroquia de Manín, no que faleceu o piloto dun hidroavión portugués e o copiloto resultou ferido, e que afecta unhas 400 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés

Tamén no parque natural, quedou estabilizado esta madrugada un novo lume no concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, no mesmo lugar onde deron por controlado o que rolda unhas 50 hectáreas afectadas

Segue controlado o lume do municipio ourensán de Toén, parroquia de Moreiras, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 250 hectáreas

Tamén continúa controlado o lume do concello ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, cunhas 25 hectáreas afectadas
 

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais rexistrados con datos recollidos ata as 9,00 h. de hoxe.

Lobios

Segue activo, dende as 8,00 h. do sábado, o incendio do concello ourensán de Lobios, parroquia de Manín, no que faleceu unha persoa e outra resultou ferida ao accidentarse un hidroavión do operativo de extinción portugués. O helicóptero Pesca I da Xunta desprazouse ao lugar para asistir aos ocupantes da aeronave. O ferido, que sufriu varios politraumatismos, foi trasladado a un hospital portugués por un helicóptero medicalizado do país veciño.

Segundo as últimas estimacións, o lume afecta unhas 400 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, despois de que entrara dende Portugal. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. No seu control levan traballado 1 técnico, 13 axentes, 35 brigadas, 15 motobombas, 2 pas, 9 avións e 9 helicópteros, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Muíños

Estabilizado ás 2,50 h. desta madrugada un novo lume no concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que tamén afecta o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Orixinouse ás 1,07 h. e, segundo as primeiras estimacións, rolda 1 hectárea rasa. Lévanse mobilizado para o seu control 2 axentes, 4 brigadas e 2 motobombas.

Trátase do cuarto incendio rexistrado nesta parroquia ourensá e do sexto que afecta ao Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés dende a noite do xoves. Entre eles, o outro lume do concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que se iniciara o venres e que quedou controlado ás 21,07 h. de onte. Segundo as últimas estimacións, o incendio afecta unhas 50 hectáreas provisionais. Para a súa extinción lévanse mobilizado 6 axentes, 24 brigadas, 16 motobombas, 1 pa, 9 avións e 7 helicópteros.

Toén

Segue controlado, dende as 19,43 h. de onte, o incendio do concello ourensán de Toén, parroquia de Moreiras. Iniciouse o venres e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 250 hectáreas. Para a súa extinción lévanse mobilizado 3 técnicos, 15 axentes, 41 brigadas, 28 motobombas, 3 pas, 12 avións e 9 helicópteros, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Chandrexa de Queixa

Continúa controlado, dende as 19,53 h. de onte, o incendio do municipio ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo. Orixinárase o sábado e, segundo as últimas estimacións, rolda as 25 hectáreas. No seu control levan traballado 4 axentes, 12 brigadas, 2 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
 

Departamento:
C. do Medio Rural