A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19,30 h de hoxe

Permanece activo o lume do municipio ourensán de Lobios, parroquia de Manín, no que faleceu o piloto dun hidroavión portugués e o copiloto resultou ferido, e que afecta unhas 400 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés

No mesmo parque natural, segue estabilizado o incendio do concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, cunhas 50 hectáreas afectadas

Controlado o lume do municipio ourensán de Toén, parroquia de Moreiras, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 250 hectáreas

Tamén quedou controlado o lume do concello ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, cunhas 25 hectáreas afectadas
 

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais rexistrados con datos recollidos ata as 19,30 h. de hoxe.

Lobios

Segue activo, dende as 8,00 h. de onte, o incendio do concello ourensán de Lobios, parroquia de Manín, no que faleceu unha persoa e outra resultou ferida ao accidentarse un hidroavión do operativo de extinción portugués. O helicóptero Pesca I da Xunta desprazouse ao lugar para asistir aos ocupantes da aeronave. O ferido, que sufriu varios politraumatismos, foi trasladado a un hospital portugués por un helicóptero medicalizado do país veciño.

Segundo as últimas estimacións, o lume afecta unhas 400 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, despois de que entrara dende Portugal. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. No seu control levan traballado 1 técnico, 10 axentes, 27 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 9 avións e 9 helicópteros, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Muíños

Permanece estabilizado, dende as 00,43 h. de onte, o incendio do concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que se rexistrou a tarde do venres no mesmo lugar onde quedaran extinguidos outros dous lumes a madrugada anterior. Segundo as últimas estimacións, o incendio afecta unhas 50 hectáreas provisionais do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Para a súa extinción lévanse mobilizado 6 axentes, 22 brigadas, 14 motobombas, 1 pa, 9 avións e 7 helicópteros.

Toén

Controlado ás 19,43 h. desta tarde o incendio do concello ourensán de Toén, parroquia de Moreiras. Iniciouse a tarde do venres e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 250 hectáreas. Para a súa extinción lévanse mobilizado 3 técnicos, 14 axentes, 37 brigadas, 27 motobombas, 3 pas, 12 avións e 9 helicópteros, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Chandrexa de Queixa

Controlado ás 19,53 h. desta tarde o incendio do municipio ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo. Orixinárase onte á tardiña e, segundo as últimas estimacións, rolda as 25 hectáreas. No seu control levan traballado 4 axentes, 11 brigadas, 2 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
 

Departamento:
C. do Medio Rural