A Xunta avanza no Plan de mellora da cobertura móbil con medicións sobre o terreo nos concellos adheridos

Estanse a realizar coa colaboración da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia para verificar as deficiencias sinaladas polas entidades locais

A previsión é ter esta fase completada en setembro para integrar as zonas con dificultades de cobertura nun proxecto para levar a cabo a construción das infraestruturas de telecomunicacións necesarias
 

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2020

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia están a realizar as medicións sobre o terreo nos 94 concellos que se adheriron á iniciativa da Xunta para a mellora a cobertura móbil en zonas illadas.
Para adherirse ao Plan os municipios tiñan que que especificar as localidades con deficiencias dentro do seu territorio e propoñer terreos adecuados para a instalación das infraestruturas de telecomunicacións.

Desde hai varias semanas o Plan entrou na fase de verificación da calidade da cobertura coas medicións sobre o terreo e, conxuntamente con Retegal, visitarase e comprobarase a idoneidade das parcelas indicadas polas entidades locais, creando así un mapa de zonas de actuación.

Unha vez rematado este proceso, que se prevé completar no mes de setembro, os concellos que cumpran cos requisitos (carecer de cobertura e poñer e dispoñer dos terreos adecuados) integraranse nun proxecto, que se desenvolverá a través da construción de torres polo operador publico Retegal e dunha convocatoria publica a operadores en concorrencia competitiva.

Con esta iniciativa a Xunta busca que todos os galegos dispoñan de conexión de calidade independentemente de onde se atopen. As redes móbiles, especialmente as redes 4G e no futuro as 5G, son as que aportan a capacidade de estar conectados en calquera lugar no que se atope nese momento o cidadán.

Esta actuación é complementaria ás accións de despregamento de fibra óptica que tamén están en marcha e que garanten a cobertura de redes de 100 Mbps para o 90% dos galegos en 2021.


Oficina do Plan de Banda Larga

Para resolver as dúbidas sobre a cobertura móbil en Galicia ou calquera outra consulta sobre as redes de banda larga, a Amtega ten á disposición da cidadanía, empresas e administracións a Oficina do Plan de Banda Larga, dispoñible a través da dirección de correo electrónico oficina.bandalarga@xunta.gal ou chamando ao teléfono 981 95 78 68, en horario de luns a venres de 9:00 a 15:00h.
 

Imaxes relacionadas