A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou esta tarde nas actividades que se realizan nesta iniciativa

O campo de voluntariado de Triacastela dinamiza o Camiño de Santiago ao seu paso polo sur de Lugo

As mozas e mozos participantes darán información sobre o Camiño, realizarán actividades para os peregrinos e crearán unha web-app

Triacastela (Lugo), 6 de agosto de 2020

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada da alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, visitou esta tarde ás mozas e mozos que realizan actividades de dinamización do Camiño de Santiago a través co campo de voluntariado Os campos do camiño, que se celebra no municipio lucense.

Os participantes neste campo de voluntariado, que comezou día 29 de xullo e que rematará o vindeiro día 9, realizan diferentes actividades para dinamizar o Camiño de Santiago ao seu paso polo sur de Lugo. Así, informan aos camiñantes sobre as diferentes etapas e os servizos que poden atopar durante a súa peregrinaxe.

Tamén poñen en marcha actividades na área do albergue do municipio tales como obradoiros, charlas ou coloquios. A maiores, están a crear unha webb-app do Camiño para a difusión dos campos de voluntariado que hai no percorrido a Santiago de Compostela.

Ademais disto, os participantes desfrutan dun amplo programa de actividades de ocio complementarias, que inclúe excursións a localidades como Santiago de Compostela, Lugo e O Cebreiro; visita á cova Eirós; rutas de sendeirismo; piscina; rocódromo ou escapismo.

Campaña de verán


A Consellería de Política Social oferta neste verán 348 prazas nun total de 29 campos de voluntariado (incluíndo as tres quendas de Cíes) para maiores de 18 anos por todo o territorio galego. Todas as actividades desta campaña seguen as medidas de prevención fronte ao covid-19 fixadas polas autoridades sanitarias co fin de garantir a seguridade de todas as persoas participantes.

En total, a Campaña de Verán deste ano, que leva por título O verán que necesitas, pon á disposición da mocidade 6872 prazas en diferentes actividades e campamentos, que se prolongarán ata comezos do mes de setembro.
 

Imaxes relacionadas