A comisaria do Xacobeo 2021 recibe a José Manuel Calderón na última etapa de ‘El camino acaba en Obradoiro’

O ex xogador da NBA chegou hoxe a Compostela tras percorrer o Camiño de Inverno no marco desta iniciativa impulsada por Monbús Obradoiro e a Xunta

A súa experiencia será recollida nun documental que promocionará a imaxe de Galicia na antesala do Xacobeo 2021
 

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2020

A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, recibiu esta tarde ao ex xogador da NBA e da selección española de baloncesto José Manuel Calderón no remate da última etapa do proxecto El Camino acaba en Obradoiro. O deportista chegou hoxe a Compostela tras percorrer o Camiño de Inverno no marco desta iniciativa impulsada por Monbús Obradoiro en colaboración coa Xunta de Galicia.

José Manuel Calderón comezou o seu percorrido o pasado luns, cando partiu desde Monforte de Lemos ata Chantada, nunha etapa na que puido coñecer de primeira man a paisaxe cultural da Ribeira Sacra, que opta a ser Patrimonio da Humanidade no vindeiro 2021. Na segunda xornada da iniciativa peregrinou desde o concello de Rodeiro ata Silleda e esta última etapa desenvolveuse entre Ponte Ulla e Compostela, onde foi recibido pola comisaria do Xacobeo 2021, entre outras autoridades.

A experiencia do ex xogador da NBA será recollida nun documental que promocionará a imaxe de Galicia e do Camiño de Inverno na antesala do Xacobeo 2021. Así mesmo, trátase dunha iniciativa de carácter solidario, xa que os fondos desta sexta edición destinaranse a apoiar a educación integral dos mozos a través do baloncesto e permitindo a posibilidade de incorporar programas na canteira do Obradoiro CAB para xoves promesas do baloncesto, independentemente da súa realidade social.

A primeira edición de El Camino acaba en Obradoiro celebrouse no 2015 coa figura de Terry Porter percorrendo o Camiño Francés desde Sarria. Un ano despois, o ex xogador de baloncesto Juan Antonio Corbalán peregrinou ata Compostela polo Camiño Primitivo. Tras eles chegaron Nikos Galis, a través do Camiño Inglés no ano 2017, e Aleksandar Petrovic, que peregrinou polo Camiño Portugués en 2018. O pasado ano protagonizou a experiencia Amaya Valdemoro, que completou a Vía da Prata desde a cidade de Ourense.

 

Imaxes relacionadas