Feijóo urxe ao Goberno central solucións enerxéticas inmediatas que garantan a viabilidade da única fábrica de aluminio primario de España

Traslada por carta ás ministras para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e de Industria, Comercio e Turismo, a preocupación ante o incerto futuro da fábrica de aluminio Alcoa en San Cibrao da que dependen directamente máis de 1.000 familias

Remarca a necesidade de contar cun marco eléctrico competitivo a curto prazo ante a oferta de compra presentada polo grupo Liberty House
 

Santiago de Compostela, 04 de agosto de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, urxiu hoxe ao Goberno central a adoptar solucións enerxéticas inmediatas que garantan a actividade da única fábrica de aluminio primario de España. “É necesario seguir traballando conxuntamente para afrontar este asunto vital para o futuro de Galicia”, insistiu.

Fíxoo despois de que o grupo Liberty House presentara unha oferta de compra de Alcoa, que inclúe un plan de viabilidade para as plantas da compañía condicionado á dispoñibilidade dun marco eléctrico competitivo a curto prazo. “A viabilidade da planta de aluminio pasa necesariamente por dispoñer de forma inmediata dun prezo eléctrico competitivo, polo menos ata que poidamos garantir a viabilidade a medio prazo”, incidiu.

Así, a través de dúas cartas remitidas ás ministras para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, e Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, o titular do Goberno galego trasladou novamente a súa preocupación ante o incerto futuro da factoría de aluminio en San Cibrao da que dependen directamente máis de 1.000 familias e toda a comarca.

Neste sentido, o presidente da Xunta lembroulle á ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a necesidade de que o Goberno poida concretar de forma inmediata un marco enerxético competitivo que garanta o mantemento da actividade industrial e os postos de traballo en San Cibrao.

E, por outra banda, demandoulle á ministra de Industria, Comercio e Turismo, a información e documentación das actuacións levadas a cabo polo Goberno central para poder fundamentar con máis detalle o expediente do ERE, información relativa a incumprimentos na concesión de axudas por parte de Alcoa e as súas posibles obrigas de devolucións en caso de aplicar ERE. Así como todos aqueles requirimentos que evidencien que o custo de pechar é maior que retirar ou ampliar o dito ERE.