A Xunta formaliza ante o Ministerio de Cultura a denominación de ‘Nós’ para a nova biblioteca de Ourense

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, remitiu unha carta á directora general del Libro y Fomento de la Lectura para certificar este trámite

O nome desta dotación cultural foi escollido á raíz dun procedemento aberto no que as persoas e entidades interesadas puideron facer as súas achegas
 

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2020

A Xunta formalizou ante o Ministerio de Cultura y Deporte a denominación de Nós para a nova sede da Biblioteca de Ourense. Fíxoo a través dunha carta remitida por parte do director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, á directora general del Libro y Fomento de la Lectura para, María José Gálvez, co que se certifica este trámite preciso para dotar de oficialidade a esta dotación cultural.

Na súa comunicación, o responsable de Políticas Culturais do Goberno galego lembrou que esta denominación foi escollida a través dun proceso aberto no que se recibiron preto de 50 propostas formuladas por persoas e entidades interesadas. Finalmente, seleccionouse o nome de Nós pola repercusión cultural deste colectivo na cidade de Ourense e no conxunto da cultura galega.

Cómpre sinalar que esta denominación recibiu o apoio de entidades culturais galegas e ourensás como a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Penzol, o Consello da Cultura Galega, a Fundación Uxío Novoneira, o Museo do Pobo Galego, a Asociación do Patrimonio Galego O Sorriso de Daniel, a Delegación Arxentina da Fundación Galicia América ou o Ateneo de Ourense, entre outras.

Precisamente, este ano celébrase o centenario do inicio da publicación da revista Nós, que foi o principio desta xeración especialmente brillante na investigación, divulgación e reflexión sobre a construción da identidade galega, con máis de 200 colaboradores de toda Galicia e de fóra dela ata 1936, ano de remate da súa edición. Tratábase dunha publicación que afondou na conexión da cultura galega co exterior. Todos estes aspectos xustifican a utilización do nome Nós, que forma parte do feito cultural ourensán, galego e internacional.