Educación destinou este ano máis de 1,5 millóns de euros ás bolsas complementarias Erasmus

A metade dos beneficiados reciben entre 1.000 e 1.500 euros

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2020

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución das axudas complementarias Erasmus, ás que destinou no curso 2019/2020 1.517.000 euros e das que se beneficiaron un total de 1.117 alumnas e alumnos. Case a metade do alumnado beneficiado recibiu axudas por contía de entre 1.000 e 1.500 euros.

Do total das axudas concedidas, 418 foron para estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 220 para os da Universidade da Coruña (UDC) e 479 para os da Universidade de Vigo (UVigo). Dos beneficiarios, 430 foron homes e 687 mulleres.

En canto á contía total que recibiron, 28 bolseiros contaron con ata 500 euros, 180 entre 500 e 1.000 euros, 557 entre 1.000 e 1.500 euros, 321 recibiron entre 1.500 e 2.000 euros e 31 contaron con entre 2.000 e 2.500 euros. Ademais, 517 alumnos recibiron 500 euros adicionais por nota de expediente.

No referido á distribución por países, 267 cursaron o Erasmus en Polonia, 204 en Italia, 108 en Portugal, 79 en Romanía, 61 en Francia, 61 na República Checa, 57 en Alemaña, 34 en Bélxica, 27 no Reino Unido, 22 en Eslovenia, 21 en Noruega, 20 en Hungría, 20 en Turquía, 18 en Eslovaquia, 17 en Grecia, 16 en Finlandia, 15 en Irlanda, 14 en Lituania, 13 en Austria, 10 en Países Baixos, 9 en Croacia, 8 en Bulgaria, 5 en Suecia , 3 en Letonia, 3 na República Macedonia, 3 en Dinamarca, 1 en Chipre e 1 en Estonia.

Por ramas de coñecemento, o 48% dos bolseiros cursa graos da rama de Ciencias Sociais e Xurídicas, o 16% de Artes e Humanidades, o 14% de Enxeñaría e Arquitectura, o 12% de Ciencias da Saúde e o 10% de Ciencias.

Contías mensuais

A duración das axudas e a súa contía foi de 125 euros/mes, 165 euros/mes ou 195 euros/mes, en función dos países de destino. Cómpre lembrar que a convocatoria galega contempla axudas para estancias de ata nove meses, o que complementa as axudas europeas, que se limitan a sete meses de duración.

Para solicitar a bolsa o estudante debía estar matriculado no curso 2019/20 en calquera das universidades públicas do SUG, para realizar estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao; e participar no devandito programa de mobilidade universitaria, sendo tamén beneficiario da axuda do programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación. Non podían optar á axuda os que xa gozaran dela en convocatorias anteriores e mais o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realizase a mobilidade nos seus países de orixe.
 

Imaxes relacionadas