Román Rodríguez salienta o valor da arte para coñecer Galicia, destacando que se trata dunha “Unha materia que non se esgota”

Fíxoo na inauguración da mostra ‘Viae ad limina Sancti Iacobi’ do lucense Chencho Pardo Valdés, na que resaltou o carácter hospitalario da nosa Comunidade

A exposición, composta por 42 debuxos e dúas caligrafías, poderá visitarse até o vindeiro 31 de outubro no Museo das Peregrinacións e de Santiago
 

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, inaugurou hoxe no Museo de Peregrinacións e de Santiago Viae ad limina Sancti Iacobi do debuxante e calígrafo lucense Chencho Pardo Valdés. Unha mostra composta por 42 debuxos e dúas cartografías nos que cobran protagonismo abondosas cidades, vilas e lugares do país vinculados coas rutas xacobeas, “lugares –en palabras do conselleiro− que nos presentan e representan ante o mundo”.

No acto inaugural tomaron parte, ademais do conselleiro, o alcalde do Concello de Santiago en funcións, Gumersindo Guinarte; o artista, Chencho Pardo Valdés, e a directora do Museo das Peregrinacións e de Santiago, Esperanza Gigirey.

Coñecendo Galicia

Román Rodríguez salientou o carácter excepcional desta mostra, que cualificou como “proxecto vital”, tanto polos anos de dedicación como pola imaxinación, o talento e a minuciosidade amosados polo artista para ofrecérmonos unha recreación das paisaxes urbanas galegas que emerxen ás beiras do Camiño nas súas diferentes rutas, e nas que se erixen “algunhas das faces máis recoñecibles do país; exemplo histórico, presente e futuro de hospitalidade”.

O titular de Cultura da Xunta afirmou que “se homes, da valía de Domingo Fontán, Otero Pedrayo ou Francisco Río Barja afondaron, no coñecemento de Galicia a través dunha disciplina como é a Xeografía, Chencho Valdés profunda tamén no coñecemento desta materia, pero desde a arte. Porque Galicia é unha materia que non se esgota; unha materia sobre a que nunca se deixa de aprender”.

A colección máis querida

Viae Ad Limina Sancti Iacobi é a colección máis querida do artista Chencho Pardo Valdés, quen gardou con esmero os debuxos relativos a Galicia e pasaron a formar parte da súa colección privada. Esta exposición sobresae pola calidade artística dos debuxos e a súa minuciosidade. A maiores, a caligrafía que acompaña ás obras plásticas ten o estilo propio do autor e enfía un interesante relato histórico que, á súa vez, estrutura a mostra, que poderá visitarse até o vindeiro 31 de outubro no Museo das Peregrinacións e de Santiago no horario de apertura do centro.

O Camiño de Santiago está aberto a visións e a novas interpretacións. Chencho Pardo achega as súas a través dos seus aparellos: o lapis e a cor. A realidade que o autor ofrece nos seus debuxos materialízase de formas diversas pero coa característica común da meticulosidade. O realismo é o xusto e necesario, pero quen observa sabe que ve a práctica totalidade dunha vila ou cidade galega porque capta os integrantes esenciais que forman a súa paisaxe, como un edificio ou un monte.
 

Imaxes relacionadas