A Xunta apoia a creación de tres novas unidades mixtas de investigación e a consolidación doutras catro

Con estas dúas resolucións da sexta edición do programa, suman xa 46 Unidades Mixtas constituídas, cunha mobilización de máis de 130 millóns de euros e un apoio público de máis de 39M€, cofinanciado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

As Unidades Mixtas de Investigación son instrumentos que favorecen a cooperación entre os organismos de investigación de Galicia e o tecido empresarial para desenvolver, de forma conxunta, actividades de I+D+i estratéxicas para Galicia co obxectivo de impulsar a transferencia de innovación ao tecido industrial e a atracción de empresas cara Galicia
 

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2020

A Axencia Galega de Innovación (Gain) dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de resolver as convocatorias de axudas para a posta en marcha de novas Unidades Mixtas de Investigación (UMI) e para a consolidación das existentes. Con estas dúas resolucións da sexta edición deste programa suman xa 46 Unidades Mixtas constituídas deSde o ano 2014, que mobilizan máis de 130 millóns de euros entre a achega da empresa, do organismo de investigación e da Administración, cun apoio por parte da Xunta de Galicia de máis de 39 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional a través do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

As tres novas Unidades Mixtas de Investigación que se poñen en marcha co apoio da convocatoria 2020 están focalizadas no sector da automoción e aliñadas cos obxectivos e prioridades do reto 2 da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3 Galicia), que procura un novo modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento.

As UMI creadas son: a constituída polo Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) e a empresa Borgwarner Emissions Systems Spain para desenvolver o proxecto G-Test: Novos sistemas de xestión térmica para a mobilidade sostible; a formada polo CTAG e o Grupo Antolín Ingeniería para executar o proxecto InSAI: Tecnoloxías para a monitorización intelixente do interior do vehículo; e, por último, a creada polo centro tecnolóxico AIMENe GKN Driveline Vigo para desenvolver a iniciativa F4ctoría: Intelixencia artificial aplicada á fabricación avanzada de compoñentes de transmisión. En total, Gain apoia con máis de 2,5 millóns de euros a creación e posta en marcha destas tres novas UMI para o período 2020-2023, que xerarán un investimento público-privado de máis de 8 millóns de euros e nas que participarán máis de 68 persoas no desenvolvemento de forma conxunta e coordinada de actividades de I+D+i por parte de organismos de investigación galegos e empresas.

En canto á consolidación de Unidades Mixtas de Investigación xa creadas con anterioridade, a Xunta de Galicia apoia a continuidade de catro UMI nos sectores TIC, aeronáutica, enerxía e alimentación para o período 2020-2023. En concreto, as UMI que se consolidan son: a constituída polo Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, e Telefónica para a continuidade do proxecto IRMAS: : Information right management advanced systems; a formada polo Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e Star Defence Logistics para desenvolver FASTFLY 2035: Full autonomus systems for UAS; a formada polo centro tecnolóxico Energylab e a empresa Naturgy para consolidar a Unidade Mixta de Gas Natural; e, por último, a constituída polo centro tecnolóxico Anfaco-Cecopesca e Emenasa para executar o proxecto FFF4P: Future Food Factory 4P. Gain achega preto de 2,3 millóns de euros á consolidación destas tres UMI, que mobilizarán máis de 7,6 millóns de euros e nas que participarán 50 persoas.

As Unidades Mixtas de Investigación están concibidas como un instrumento favorecedor da cooperación entre os organismos de investigación de Galicia e o tecido empresarial para desenvolver de forma conxunta e coordinada actividades de investigación, desenvolvemento e innovación aliñadas cos retos estratéxicos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia. O seu obxectivo é desenvolver proxectos de alto impacto intensivos en coñecemento, incentivar a transferencia de resultados da I+D+i ao mercado e atraer empresas foráneas cara Galicia que desenvolven aquí a súa I+D+i.
 

Imaxes relacionadas