Controlado o incendio forestal do concello ourensán de Cualedro, parroquia de San Millao

Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 1.535 hectáreas

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2020

A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal do concello ourensán de Cualedro, parroquia de San Millao, quedou controlado ás 15,37 h. de hoxe, tras terse iniciado o mércores en polo menos dous puntos diferentes simultáneos.

A última estimación da superficie afectada é de 1.535 hectáreas, das cales arredor de 525 son agrícolas e 1.010 forestais (unhas 960 rasas e arredor de 50 arboradas). Cómpre insistir en que esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para o control deste lume mobilizáronse en total 2 técnicos, 43 axentes, 106 brigadas, 45 motobombas, 6 pas, 13 helicópteros e 13 avións, ademais de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
 

Departamento:
C. do Medio Rural