As obras de integración paisaxística do Camiño de Santiago en Conxo de Abaixo iniciarán este luns os traballos de pavimentación definitiva da rúa Fervenza

Para minimizar o efecto na circulación habilítase un desvío provisional polo interior das instalacións do hospital Psiquiátrico

As obras na chegada a Compostela do Camiño Portugués supoñen un investimento da Xunta de 2 millóns de euros

Entre as actuacións previstas destaca a reforma da Praza fronte ao Mosteiro de Santa María, como zona emblemática de acollida de peregrinos e veciños
 

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2020.- As obras de integración paisaxística do Camiño de Santiago no núcleo de Conxo de Abaixo iniciarán este luns os traballos de pavimentación definitiva da rúa Fervenza. Esta actuación fará necesario o corte da vía urbana a partir do mesmo 3 de agosto.


Para evitar o impacto destes traballos na circulación do tráfico durante o tempo de execución das obras habilitarase un desvío provisional polo interior das instalacións do hospital Psiquiátrico de Conxo, con extremos na entrada ao centro de saúde, na rúa Ramón Baltar, e no campo de fútbol.

A Xunta segue progresando nas obras de mellora e integración paisaxística da chegada a Compostela do Camiño Portugués, no barrio de Conxo, cunhas obras que supoñen un investimento de 2 millóns de euros. Entre as actuacións previstas destaca a reforma da Praza fronte ao mosteiro de Santa María, como zona emblemática de acollida e desfrute de peregrinos e veciños, que permitirá crear unha pequena Praza do Obradoiro. Este espazo estenderase ata o centro social, a escola infantil e o centro de saúde, e manterá o cruceiro no seu lugar actual.

Ao tempo, tamén avanzan os traballos complementarios do novo aparcadoiro ao carón do centro de saúde de Conxo, iniciados este mes de maio. O obxectivo é substituír as prazas que os veciños da zona perden coas obras da praza do Campo de Conxo, e foron adxudicados por preto de 335.000 euros.

A Xunta segue avanzando, cada vez a un ritmo máis intenso, na integración paisaxística dos Camiños á súa entrada en Santiago, con 10 millóns de euros de investimento autonómico, para preparar Compostela para o Xacobeo 2021 e para facer cidade, pensando nos veciños.