A Xunta convoca 15 prazas de bolseiro nas residencias xuvenís para o vindeiro curso académico 2020-2021

As prazas ofértanse no Centro Residencial Xuvenil LUG (Lugo), con catro; na residencia Florentino López Cuevillas (Ourense), con cinco; e na residencia Altamar (Vigo), con seis

As mozas e mozos interesados teñen desde hoxe un mes de prazo para presentar as súas solicitudes
 

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2020.- A Xunta de Galicia oferta 15 prazas de bolseiro nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social para o curso académico 2020-2021. As mozas e mozos interesados teñen desde hoxe un mes de prazo para presentar as súas solicitudes e poden consultar as bases desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG) de onte.

A distribución das prazas ofertadas, en réxime de concorrencia competitiva, é a seguinte: catro no Centro Residencial Xuvenil LUG (Lugo); cinco na residencia Florentino López Cuevillas (Ourense) e seis na residencia xuvenil Altamar (Vigo). As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Os requisitos para optar ás mesmas son, entre outros: ter unha idade mínima de 18 anos e menos de 30 na data do 31 de decembro de 2020; que a renda familiar non supere o 150% do IPREM do ano en curso; non ter pedido con anterioridade a condición de persoa bolseira; e estar cursando estudos universitarios nunha facultade ou escola universitaria, estudos superiores de ensinanzas artísticas ou ciclo formativo de grao superior, que admitan a formación e a práctica a través de calquera das tarefas que se poden desenvolver nunha residencia xuvenil

Xunto coa solicitude achegarase, ademais da documentación cos datos persoais requiridos, un proxecto de actividades a desenvolver na residencia xuvenil. Este proxecto centrarase nos seguintes ámbitos: información xuvenil, participación e dinamización e convivencia.

Neste sentido, as persoas que resulten beneficiarias destas bolsas colaborarán na difusión nas residencias da información relativa a actividades impulsadas desde a Xunta que poidan ser de interese para a xuventude e fomentar a súa participación nas mesmas. Tamén poderán propoñer actividades a realizar na residencia xuvenil centradas nas áreas do ocio e tempo libre, novas tecnoloxías, cultura e deporte.
 

Imaxes relacionadas