Os veciños da parcelaria de Godos, no concello pontevedrés de Caldas de Reis, poderán tomar posesión dos seus predios de substitución o vindeiro 15 de novembro

O director xeral de Desenvolvemento Rural vén de asinar este trámite, que permitirá aos titulares das parcelas entrar nos predios concentrados

A superficie total concentrada neste proceso ascende a 388 hectáreas, correspondentes a 599 propietarios
 

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2020

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, vén de autorizar a toma de posesión provisional dos novos predios da reestruturación parcelaria de Godos, no concello pontevedrés de Caldas de Reis. Desta forma, a Consellería do Medio Rural dá un paso máis no desenvolvemento deste proceso, cun trámite que permitirá aos veciños acceder aos predios de reemprazo o vindeiro 15 de novembro.

Esta reorganización do territorio beneficia a 599 propietarios, que contaban ao inicio do proceso con 3.548 parcelas, nunha superficie total de 388 hectáreas. A día de hoxe hai 1.159 predios de reemprazo, cun redimensionamento que lles permitirá aos titulares facer os seus terreos máis operativos e competitivos.

A Consellería do Medio Rural leva investidos un total de 2,8 millóns de euros neste proceso, contemplando tanto os traballos nas redes de camiños principais e secundarios (de case 30 quilómetros de extensión) como o acondicionamento de predios, xunto coas asistencias técnicas necesarias para levar adiante a reorganización. Os principais aproveitamentos desta parcelaria de Godos son o eucalipto e o piñeiro, na zona forestal, e a horta, o millo e o viñedo (da Denominación de Orixe Rías Baixas) na zona de labradío.

Plan de reactivación

Ao longo deste ano, a Xunta entregará máis de 20.200 títulos de propiedade a máis de 9.200 veciños beneficiados de 20 procesos de reorganización do territorio. Desta forma, a Consellería do Medio Rural dá cumprimento ao seu Plan de reactivación e dinamización para facer fronte á crise provocada pola covid-19, no que se contempla o impulso das reestruturacións parcelarias como elemento para dotar de base territorial ás explotacións.

Así, a Xunta leva tempo traballando nas distintas concentracións parcelarias co fin de mellorar a estrutura da propiedade na nosa comunidade. Ademais, grazas a estes procesos, tamén se reduce e reverte o abandono das terras produtivas ao mellorar as condicións de desenvolvemento sostible das actividades agrícolas, gandeiras e forestais das zonas reorganizadas.