O conselleiro do Medio Rural en funcións participou esta noite na XXI Cata Oficial dos Viños de Valdeorras

A Xunta destaca o seu impulso ao sector do viño como panca para fortalecer as economías locais e para exportar calidade

José González puxo en valor as características dos viños desta denominación de orixe en particular e dos galegos en xeral, louvando o seu “carácter”, “diversidade” e “calidade”

Sinalou que a Xunta mantén o seu compromiso co sector “activando todos os instrumentos financeiros de apoio á súa liquidez”, caso do préstamo vendima, para que as adegas poidan mercar a uva en condicións normais de mercado
 

O Barco de Valdeorras (Ourense), 31 de xullo de 2020

O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, destacou hoxe a importancia de impulsar o sector do viño galego como panca para o “fortalecemento das economías locais” e, ao mesmo tempo, para “exportar calidade, facendo que nos descubran, para que o mundo queira ternos tamén nas súas mesas”.

O conselleiro fixo estas reflexións na súa intervención na XXI Cata Oficial dos Viños de Valdeorras, celebrada esta noite na localidade ourensá do Barco de Valdeorras. Neste acto, González puxo en valor as características dos viños desta denominación de orixe en particular e dos galegos en xeral, louvando o seu “carácter”, “diversidade” e “calidade”.

Nesta liña, o titular de Medio Rural en funcións amosou tamén o seu agradecemento “polo esforzo que implica o cultivo e a elaboración dun viño de tan excelente calidade” e felicitouse porque “o prestixio que acumula o noso viño transcende máis aló de Galicia, sendo recoñecido dentro e fóra das nosas fronteiras”.

Préstamo vendima

En todo caso, engadiu, “aínda queda percorrido” e por iso a Xunta mantén o seu compromiso co sector, “activando todos aqueles instrumentos financeiros de apoio complementario á súa liquidez” e para remediar, ao tempo, “a mínima porcentaxe da que viticultores e adegas galegas se benefician das axudas estatais”. Un apoio que se plasma -sinalou- con iniciativas coma o préstamo vendima, unha nova liña de financiamento dotada con ata 60 millóns de euros para que as adegas poidan mercar a uva desta colleita en condicións normais de mercado.

Neste mesmo sentido, o conselleiro afirmou que “seguiremos a apostar pola imaxe de marca”, potenciando “con máis forza” a marca Galicia Calidade, “como selo diferenciado que englobe, identifique e mellore, máis se cabe, o recoñecemento de produtos do sector primario de extraordinaria calidade”, remarcou.

O impulso á dixitalización, a automatización na comercialización, a innovación ou a formación son outros dos eidos destacados por José González como claves de futuro para o viño galego, na liña de “optar por un sector o máis profesionalizado posible”, concluíu.
 

Imaxes relacionadas